O Centro Social de Abanqueiro (Boiro) vai dar acollida este venres 2 de outubro ao espectáculo Contos entre cordas, unha cita coa narración oral e coa música a cargo de María de Pontragha, destinada a público adulto. A sesión será de entrada libre a partir das 21.00 horas.
Contos… entre cordas é unha proposta da contadora galega María da Pontragha e a arpista bretoa Bleuenn Le Friec.
Cada conto tira dunha corda e a música e a literatura envolven todo. O espectáculo rompe prexuízos e barreiras sociais para traernos unha historia de amor ata o momento prohibida entre a literatura oral e a música clásica.
Segundo avanzan María e Bleuenn, “entre a palabra e a música ideamos a maneira de achegar a arpa e o seu repertorio a lugares onde non adoita escoitarse. A música clásica faise máis próxima atravesada polos contos que traemos. Neste espectáculo mostramos o vínculo entre as rosquillas e a música romántica, entre a tradición oral galega e o repertorio da arpa clásica, entre os contos e as cordas”.




