O BNG de Ribeira reclama ao Goberno local que rectifique o proxecto de residencia en San Roque, que “illaría ás persoas maiores no monte”

29 Setembro 2026

O Bloque Nacionalista Galego de Ribeira denunciou no pleno ordinario de setembro celebrado este 28 de setembro que “o Partido Popular, despois dun ano á fronte do Concello tras a moción de censura, “non foi quen de avanzar na construción da residencia pública de maiores e agora pretende dar un paso máis no seu erro trasladándoa ás proximidades de San Roque, nunha localización afastada do núcleo urbano”.

Criticaron que “o Goberno do PP dera pasos para abandonar definitivamente as Saíñas e levar a residencia pública de maiores ao monte de San Roque”. Para os nacionalistas, “a pretensión de María Sampedro coa nova residencia supón cancelar o proxecto previsto no emprazamento onde xa se investiron máis de 800.000 euros de cartos públicos e iniciar unha nova tramitación nunha localización afastada do núcleo urbano”.

O exalcalde e portavoz municipal do BNG, Luís Pérez Barral, considerou “especialmente grave que esta decisión se adopte despois de que durante meses o Goberno local e a Xunta de Galiza xustificasen o abandono das Saíñas en supostas trabas legais e nun cambio da normativa estatal”. E engadiu: “Estamos ante o resultado dunha fuxida cara adiante porque o PP quedou atrapado na súa propia mentira e, en lugar de rectificar cando se comprobou que non existiu nin existe ese impedimento legal, decide abandonar o proxecto, tirar co investimento realizado e trasladar a residencia ao monte”.

Pérez Barral lembrou que “o propio Goberno do Estado confirmou por escrito, tras as iniciativas formuladas polo Bloque no Congreso, que non existe ningún cambio normativo estatal que impida executar a residencia no emprazamento das Saíñas”.

E apuntou: “Díxoselle á veciñanza que a residencia non se podía facer nas Saíñas por problemas legais, pero temos a proba por escrito de que iso era falso”, sinalou Pérez Barral durante o pleno, mostrando os informes técnicos favorábeis para levar o proxecto adiante.

O portavoz nacionalista advertiu ademais “do importante prexuízo económico que supón renunciar ás Saíñas”, argumentou, sinalando que “nese emprazamento xa se executaron investimentos públicos por importe superior aos 800.000 euros, polo que o cambio de localización implica tirar ao lixo ese investimento e reiniciar trámites, estudos e proxectos nun novo terreo que provocará atrasos inxustificados”.

O BNG cuestionou tamén “a idoneidade da nova localización” desde o punto de vista da accesibilidade e da integración das persoas maiores na vida cotiá de Ribeira. O grupo sinalou que “as Saíñas sitúanse nunha contorna urbana, próxima a Coroso, conectada coa liña de transporte público Ribeira-Pobra e cunha relación directa co paseo e cos servizos da cidade; e pola contra a alternativa de San Roque sitúase nunha contorna máis afastada e con maiores dificultades de acceso peonil, grandes pendentes e sen transporte público”.

“Non queremos que as persoas maiores sexan apartadas da vida de Ribeira”, subliñou Barral, engadindo que “queremos unha residencia onde poidan saír pasear, recibir as súas familias, utilizar os servizos públicos e seguir formando parte da vida da vila. Os nosos maiores dérono todo por nós e merecen un lugar digno, acolledor e integrado no corazón do concello”.

O Bloque argumentou tamén que “a propia decisión de trasladar a residencia a San Roque foi presentada polo Goberno local como unha alternativa para desbloquear o proxecto; porén, un ano despois da moción de censura, a residencia continúa sen estar construída e o cambio de localización supón iniciar unha nova tramitación”.

Reunión urxente

O portavoz nacionalista defendeu malia todo que “aínda se está a tempo de rectificar”. Durante o pleno, Barral volveu tender a man ao Goberno local e propuxo “unha reunión inmediata entre a alcaldesa, o propio portavoz e o persoal técnico municipal para analizar toda a documentación que permita facer que a Consellaría de Política Social recupere o proxecto das Saíñas”.

“Non queremos que este asunto se converta nunha batalla entre partidos. Queremos que se antepoñan os dereitos das persoas maiores e o interese de Ribeira e niso van encontrarnos sempre”, afirmou. “Estamos a tempo de sentarnos, traballar xuntos e facer a residencia onde ten sentido facela e onde quere a maioría da poboación que é nas Saíñas”.

O BNG considera “que Ribeira necesita unha residencia pública de maiores e que non se pode seguir adiando unha infraestrutura fundamental para o concello e para toda a comarca”. Por iso, os nacionalistas reiteran “o seu compromiso de seguir defendendo as Saíñas como a localización máis axeitada e reclaman ao Goberno local que abandone a vía de comezar de novo e aproveite o traballo e os recursos públicos xa investidos”.


Outros artigos

Adxudicada a mellora do entorno do Hórreo de Araño

O Concello de Rianxo informou da adxudicación da obra de mellora do entorno do Hórreo do Araño. O proxecto conta cun orzamento total de 215.985€. A Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo, achega 145.000€ e os restantes o Concello de Rianxo. A actuación que...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“En democracia no hay ideas prohibidas”. José Castro López

“En democracia no hay ideas prohibidas”. José Castro López

La escritora británica Evelyn Beatrice Hall publicó en 1906 el libro “The Friends ofVoltaire” en el que relata como entendía la tolerancia el filósofo francés y dejó para lahistoria la frase “No estoy de acuerdo con lo que dices, pero defenderé con mi vida tuderecho a...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.