O Concello da Pobra do Caramiñal continúa na senda da colaboración coa Asociación Amigos do Camiño de Santiago do Barbanza e do Sar A Orixe para a divulgación desta ruta xacobea.
A concelleira do Turismo, Charo Varela, xunto co presidente da entidade, Manuel Mariño, explica que a creación dun código QR co itinerario do Camiño de Santiago do Barbanza A Orixe nace para facilitar a peregrinación e mellorar a experiencia mediante o uso de dispositivos tecnolóxicos. Esta medida permite levar en trebellos móbiles todo o percorrido, dende Corrubedo a Compostela, diferenciado por etapas.
Ademais das canles do Concello, o cartel co código estará dispoñíbel nas oficinas do turismo dos municipios polos cales discorre este traxecto e establecementos colaboradores.