
Catorce xornalistas especializados en Viaxes e Turismo, de medios de Barcelona, Madrid e Portugal, percorreron os días 12, 13, 14 e 15 de maio a ría de Muros e Noia. Empapáronse e gozaron dos vestixios históricos, da gastronomía, da beleza paisaxística sen par da comarca. Estes tiveron ocasión de ser recibidos institucionalmente, pola presidenta da Asociación Rural de Desenvolvemento Muros-Noia e alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e tamén polas alcaldesa de Muros, Inés Monteagudo. Catro
xornadas intensas para percorrer as múltiples posibilidades que ofrece esta ría Muros e Noia, que sen dúbida non os deixou indiferentes. Agora xa nas súas redaccións darán boa conta aos seus lectores da súa visita a esta ruta á ría de Muros-Noia.
Representantes dos prestixiosos medios Viajes National Geografic; La Vanguardia (suplemento Viajar); Luxury Traveling Magacine; Club Renfe; Revista Europa; ABC (Viajar); 20 minutos (viajar y gastronomía); OK diario (Cool thelifestyle); RV Edipress; Miradas Viajeras; Público (Portugal); Volta ao Mundo (Portugal); Fugas (Portugal) e Wonder Go tiveron a ocasión de descubrila sobre o terreo. Dende a beleza da paisaxe, os areais fundidos co verde, pasando polas riquezas históricas e arquitectónicas, o recordo do pasado, a riqueza cultural, ata a xentileza das xentes galegas. Todos quedaron agradablemente abraiados: o paraíso é unha realidade, está en Galicia. E na ría de Muros- Noia.

Percorrido
A actividade comezou o venres 12, cunha cea de produtos locais na Muradana, en Muros, e despois cunha visita nocturna a vila mariñeira coa asociación “Muros, auga e sal”. Os xornalistas descansaron nos hoteis muradanos Otantus, de recente apertura, que está orientado ao repouso e que tamén recolle a historia da relación de Muros co sal; e no histórico Hotel O Porto, recentemente rehabilitado.
A primeira xornada enteira comezou o sábado coa visita diúrna coa asociación “Muros, auga e sal”, e proseguiu cun dos marabillosos ‘milagres’ paisaxísticos da zona: desde o maxestoso Monte Louro, baixando desde as súas ladeiras ata a lagoa de Xalfas, de auga doce e tan só a uns centos de metros do mar na praia de Areia Maior: paraíso das aves, beleza sen igual. Este areal é paraíso dos amantes do surf, que durante todo o ano desfrutan das súas cristalinas augas e das boas ondas. Moitos de eles poden repousar no novo albergue Area Surf House de Abel Lago, dedicado tanto a peregrinos coma ao surf. Outra proba de que a modernidade non debe estar renxida co romanticismo: habitacións de madeira individuais, dentro de una antiga nave industrial, que puideron visitar os catorce xornalista
durante esta xornada.
Clara Huguet, de National Geografic, a máis nova do grupo, admitiu que era a primeira vez que visitaba Galicia. E que a estrea foi inmellorable. “Estaba muy predispuesta ante lo que me iba a encontrar, pero la realidad superó mis expectativas. No sé con qué quedarme: la naturaleza, los paisajes y las gentes me han causado un gran impacto”, resumiu, aínda abraida.
Sábado, xornada intensa de visitas
A de turismo industrial que fixeron os xornalistas ao Estaleiro Ciprián, en Outes, deixou abraiado a Ana María Henriques, do diario de tirada nacional luso Público. “Quixera destacar a recuperación do estaleiro de ribeira: esta visita pareceume o momento máis bonito, nunca tal vin. Gustoume moito, en especial, a expresión dos carpinteiros cos pes mollados”, explicou.
Tras a comida de produtos da ría en Pepe do Coxo (O Freixo, Outes) chegou o momento de atravesar a ría e visitar outro tesouro: Noia, e en primeiro lugar o seu casco histórico: a Alameda, Santa María A Nova, o museo de Laudas Gremiais, praza Tapal, Igrexa de San Martiño… Tamén houbo tempo para a música co espectáculo ‘Danza histórica’ no Coliseo Noela’, co que se pechou o ciclo XI Semana Histórica de Noia. Tamén deixou abraiados aos xornalistas a visita aos arredores da Central Hidroeléctrica do Tambre, edificio modernista de Antonio Palacios encadrado nunha zona de gran beleza natural, cunha bonita ponte colgante e unha importante vexetación.
Trala cea nuns preciosos xardíns, degustando as empanadas de Noia e produtos artesás de Conservas Sotavento, desfrutaron dun concerto de arpa de Beatriz Martínez, en representación do Noia Arp Fest, festival que iste ano vai celebrar a súa décima edición.
Chegou o momento do gañado descanso no Hotel de Natureza Pesquería do Tambre.
Tamén foi intensa, e moi loada, a xornada dominical. Comezou coa ruta de sendeirismo en Lousame, a ruta das Papeleiras Abandoadas que permite ver en toda a súa magnitude aínda as antigas fábricas de papel abandoadas. Este aspecto o destacou Ana Marques, de Dugas: “Sorprendeume ver que a natureza estea acompañada de recordos históricos, coma ver fábricas de papel nunha ruta de sendeirismo, ou o Castro de Baroña nunha zona de praias”, dixo.
Ao Castro de Baroña os xornalistas chegaron despois de visitar o mosteiro cisterciense de Toxosoutos, en Lousame, e as súas belísimas cascadas; e de comer en Casa do Tella e Rosalía, en Portosín, con degustación de peixe ‘Azul de Portosín’, o principal porto pesqueiro de cerco de Galicia; e doutra visita a unha praia tan preta e accesible coma maxestousa: Aguieira.
O Castro de Baroña foi o paraíso fotográfico de Pedro Monteiro, de Volta ao Mundo, que estaba no mellor sitio posible. Ademais de fotógrafo é arqueólogo, e cumpriu un soño.
Monteiro lamentou que no seu país, Portugal, non se apostara con forza por escavar os castros e tentar de recuperar as contornas, Baroña – na súa opinión- é o exemplo perfecto.
Pedro fixo centos, case se podería dicir, miles de fotos.
Tras a visita a o miradoiro do Monte Enxa, en Porto do Son, e una cea galega con queimada e representación meiga na casa de turismo rural de Chica ECO turismo, en Meixonfrío, Lousame, a ultima noite os xornalistas descansaron novamente no Hotel de Natureza Pesquería do Tambre. Alí Joseph Blanch, de Luxury Traveling Magazine, que coñecía Galicia pero non a Ría de Muros- Noia, deixou un importante pensamento: “Esta terra é un paraíso, e os paraísos hai que protexelos. É preciso programar un crecemento pausado para que a un territorio cunha identidade tan poderosa siga mantendo por sempre a súa auténtica esencia”.




