A Pobra será estes días un fervedoiro de actividades arredor do 17 de maio e a celebración das Letras Galegas.
O programa da Pobra arrincou o día 11 con dúas propostas: a exposición Que grandes as nosas cadrechiñas e cadrechiños! Homenaxe ós/as ilustradores/as de contos infantís, realizada na Casa da Cultura por alumnado do CEP Pilar Maestú Sierra e a presentación do libro Entre nós, de Emilio Castro e Carmen Fernández. Proseguiu o 12 coa entrega do V Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro e a presentación da obra gañadora: Teño un volcán dentro, de María Canosa.

Este martes día 16 de maio é a quenda do concurso Na procura das Letras Galegas, a cargo de Barafunda Animación e destinada ós colexios da Primaria, a partir das 10.00 horas, polas prazas e rúas. E a Biblioteca Municipal acollerá nesta mesma xornada, das 18.00 horas en diante, a acción Xogando a reciclar, da man de Fanny Medio Ambiente.
O 17 será a quenda da feira Ronsel de verbena. Dende as 11.00 deica as 14.00 horas, as prazas da Pobra acollerán percorridos guiados, música, bailes, cantos e desfile de traxes tradicionais. Todo isto grazas á implicación de Caramiñas, Eiradela, Arrancadeira, Xiada, Ruadiña e Museo Valle-Inclán.
Arrancadeira impartirá uns obradoiros de maios no día 19, a vertente teórica de 18.30 a 19.30 horas na aula de estudo da Biblioteca, e a práctica no Cantón da Leña, de 19.30 a 21.30 horas.
O 20 celebrarase o festival Bailando ás flores, de Arrancadeira, nas rúas da Pobra a partir das 19.30.



