
O Grupo de Teatro Airiños está a celebrar esta tempada o 90 aniversario da súa constitución. Para conmemorar esta histórica efeméride, o grupo de Asados (Rianxo) preparou un amplo abano de actividades que se estenderá a todo 2023.
A historia do Grupo de Teatro Airiños remóntase a 1933, cando un grupo de veciños e veciñas de Asados (Rianxo) decidiu crear unha agrupación teatral. A iniciativa contou coa axuda do Partido Galeguista e, dende entón, non deixou de funcionar.
En 2023, o Teatro Airiños cumpre 90 anos situándose como a agrupación teatral amadora máis lonxeva e antiga da nosa terra.
Entre as actividades previstas figuran homenaxes a persoas que formaron parte da historia do grupo, unha exposición fotográfica, a publicación dun libro conmemorativo e a representación dunha obra especial para celebrar o aniversario.
Máis información no Facebook de Grupo de Teatro Airiños.
Veladas de Primavera
As celebracións do 90 aniversario comezaron xa este mes de mes de abril, coas Veladas de Primavera, organizadas pola histórica agrupación teatral rianxeira en colaboración coa Área de Cultura municipal de máis a Deputación da Coruña. As Veladas encádranse como dixemos nas celebracións do 90 aniversario do grupo teatral.
Estanse a celebrar dende o domingo 9 até o 23 de abril, nas Escolas Vellas da Atalaia en Asados.
Arrincaron o día 9 cunha sesión do escritor e narrador da nosa comarca Quico Cadaval, e proseguiron o sábado 15 cun contacontos infantil de Airiños e o domingo 16 coa presentación do libro Airiños, 90 anos de teatro polo pobo. As sesións continuarán os días 22 e 23, esta fin de semana, da man de PatakaMacabra (Rapsodia de Elas) e Teatro Airiños (República Sideral).




