Cambiamos de estación climática e Teatro Airiños (Asados, Rianxo) vén con novidades, concretamente coas súas Veladas de Primavera, organizadas pola histórica agrupación teatral rianxeira (en activo dende 1933) en colaboración coa Área de Cultura municipal de máis a Deputación da Coruña. As Veladas encádranse nas celebracións do 90 aniversario do grupo teatral.
Celebraranse dende este domingo 9 ao 23 de abril, nas Escolas Vellas da Atalaia en Asados.
Arrincan este domingo 9 cunha sesión do escritor e narrador da nosa comarca Quico Cadaval, quen deleitará ao público coas súas historias a partir das 19.00 horas no devandito emprazamento. A axenda prosegue o sábado 15 cun contacontos infantil de Airiños e o domingo 16 coa presentación do libro Airiños, 90 anos de teatro polo pobo. As sesións continuarán os días 22 e 23, da man de PatakaMacabra (Rapsodia de Elas) e Teatro Airiños (República Sideral).




