
O Centro Cultural e Xuvenil de Muros acollerá o vindeiro martes 22 de setembro, en horario de 10:00 a 14:00 horas, a xornada Cultura para todas, unha iniciativa promovida pola área de Cultura da Deputación da Coruña no marco do programa A Cultura é un Dereito.
A sesión abordará as principais barreiras e solucións relacionadas coa accesibilidade cultural, cognitiva, sensorial e física, ofrecendo ás persoas participantes recursos e exemplos aplicables ao seu traballo diario. A xornada rematará cun espazo aberto de consultas e intercambio de experiencias.
O encontro contará coa participación de profesionais especializados no ámbito da accesibilidade. Rubén Capelán, xestor cultural e coordinador da xornada, ofrecerá unha introdución á accesibilidade cultural e ás medidas necesarias para garantir unha participación máis ampla da cidadanía.
Pola súa banda, Aitana García, pedagoga especialista en accesibilidade cognitiva e sensorial, abordará as melloras que facilitan a comprensión da contorna e da información cultural. A terceira intervención correrá a cargo do arquitecto Fran Carreira, que analizará as barreiras físicas presentes nos espazos culturais.
A concelleira de Cultura de Muros, Caridad González, anima ás persoas vinculadas ao ámbito cultural, educativo, asociativo e social a participar nesta iniciativa: “A accesibilidade é unha cuestión fundamental para garantir o dereito de todas as persoas a participar da vida cultural, polo que animamos a aproveitar esta oportunidade formativa”, sinalou.
A edil agradeceu tamén á área de Cultura da Deputación da Coruña a elección de Muros como sede desta actividade: “É unha satisfacción que o noso concello acolla unha xornada destas características, que nos permite seguir avanzando cara a unha cultura máis aberta, inclusiva e accesible para toda a cidadanía”.
A participación é gratuíta, aínda que require inscrición previa a través da páxina web aculturaeundereito.gal.



