A Plataforma Comarcal Contra os Vertidos da Mina de San Finx, impulsada pola Confraría de Pescadores de Noia e unha manchea de entidades da nosa comarca, convocou este sábado unha multitudinaria manifestación en Santiago, diante da sede da Xunta, onde as persoas participantes na concentración (máis dun milleiro segundo os organizadores) berraron o lema “Non á mina, si á ría”, e clara alusión á petición principal da plataforma: que a Xunta retroceda na autorización do vertido de augas residuais á rede fluvial. “Esta decisión do Goberno autonómico suporá un dano irreparábel á biodiversidade e á riqueza da ría de Muros-Noia un dos bancos marisqueiros máis importantes do mundo”, sinalaron.

Como xa ocorrera na convocatoria do pasado 4 de marzo fronte ao Concello de Noia, os patróns maiores de todas as confrarías da ría, traballadores do mar, do sector do comercio e da hostaleira da comarca, da industria conserveira e das depuradoras, asociacións deportivas e culturais a diversas entidades da ría de Muros-Noia, uníronse nesta reivindicación que loita por evitar, sinalaron, “que centos de miles de metros cúbicos de achiques de mina, cargados con metais pesados como o cadmio, cobre e zinc, procedentes da antiga mina de volframio e estaño, poñan en perigo o futuro da comarca”. Tamén houbo membros dos principais colectivos ecoloxistas, e representantes dos partidos políticos, así como alcaldes da comarca xunto a organizacións sociais que durante estes días fixeron público o seu apoio a esta mobilización.

Durante o multitudinario acto deste sábado pola mañá tomaron a palabra os patróns maiores das confrarías de Noia e de Portosín, así como o mariñeiro Rogelio Santos como voceiro da Plataforma Comarcal.
Isaac Gaciño insistiu na firme oposición “a non permitir ningún tipo de toxicidade na nosa ría. Son moitos postos de traballo, moitas familias as que viven dela e a loita non para aquí. Son 40.000 os postos de traballo directos e indirectos os que están en xogo e non podemos permitir que a calidade dos nosos produtos sexa contaminada”, subliñou. “Temos que loitar todos con forza”, engadiu o patrón maior de Portosín.

Pola súa banda, Santiago Cruz agradeceu o compromiso de todos os que acudiron á concentración de hoxe ao tempo que instou á Xunta a que mude as súas políticas medioambientais “porque son un fracaso”. E engadiu: “Augas de Galicia ten a obriga de velar pola calidade das augas e non o está a facer porque permitiu á empresa mineira verter augas contaminadas durante seis anos, sen analizar e sen tratar. Os ríos e as rías están morrendo pouco a pouco”, afirmou o patrón da Confraría de San Bartolomé de Noia.
“Non entendemos como a conselleira do Mar e o señor Rueda están en contra dos pobos mariñeiros e permiten este dano medioambiental irreparable”, continuou Santiago Cruz que tamén fixo un chamamento aos alcaldes e alcaldesas da ría porque “antes están os pobos mariñeiros e despois as ideoloxías políticas”.
“A mina é un desastre medioambiental e a Xunta con Augas de Galicia é o responsable desta situación”, continuo Santiago Cruz que instou á Xunta a “corrixir esta inxustiza”. “Grazas a todos e a todas pola loita”, rematou.

O último en tomar a palabra esta mañá foi Rogelio Santos, mariñeiro e voceiro da Plataforma Comarcal que recordou que xa son moitas as veces que se teñen manifestado en contra das decisións da Xunta, como no caso das gaiolas da ensenada de Muros, pero “dálles igual á xente do mar”.
Ao seu xuízo, “os nosos políticos din que o noso marisco é o mellor do mundo pero con este tipo de decisións amosan que non o valoran. Se nos intenta vender a moto dunha suposta depuración da augas das galerías da mina cando sabemos da enorme cantidade de auga que representa, cando sabemos que levará metais pesados aos bancos marisqueiros que só están a sete quilómetros e cando a quen se encarga esta misión é a unha empresa que xa está sancionada por verter residuos contaminantes ao río Xallas en Santa Comba”, indicou Rogelio Santos. “Ninguén lle quere ao mar como os mariñeiros”, remarcou o voceiro da Plataforma que recordou os informes científicos que existen en contra desta explotación.
“Esta manifestación debe valer para dar o noso apoio total e absoluto á xente que está loitando e á xente que está a pelexar polo que nos dá de comer. Non son só os nosos postos de traballo, estamos a dar de comer a xente de toda España e de Europa, ese é o sector do mar de Galicia”, incidiu Rogelio Santos antes de engadir: “Debemos apoiar aos grupos ecoloxistas, ás confrarías de Noia, Portosín Muros e Porto do Son para que cada día se sintan arroupados nas accións xudiciais que se están levando a cabo e cando poñen a cara por nós publicamente sinalando aos que nos atacan”.