O programa FaraRedes da Secretaría Xeral de Política Lingüística vai levar ao concello de Porto do Son (logo da cita en Boiro deste 15 de abril) unha peza adicada a un dos máis destacados representantes da nosa literatura, a nosa arte, a nosa historia política e a nosa cultura en xeral: Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Trátase da obra Castelao, de Culturactiva Producións, escrita, dirixida e interpretada por mulleres. Recala en Portosín este domingo 30 de abril, na Casa da Cultura local a partir das 19.30 horas.
Castelao é a primeira obra sobre o autor de Rianxo dirixida á nenez, en concreto a un público de seis a 10 anos e ás súas familias. Con texto de Paula Carballeira e dirección de Fina Calleja, a peza presenta un Alfonso Daniel de oito anos feliz e aventureiro na súa vila natal.
“Trátase dunha montaxe de ritmo trepidante na que a tensión dramática cabalga sobre o lombo dunha persecución polas rúas de Rianxo nas horas previas á partida cara Arxentina do escritor e a súa nai”, explicou na presentación da obra o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, engadindo que “para facer aínda máis atractiva a representación”, os diálogos de ficción introducen elementos marabillosos combinados con elementos recoñecíbeis da obra de Castelao, cos que o elenco, a música e o deseño de iluminación xogan creando un espectáculo cheo de plasticidade, cor e ritmo.

A obra estreouse no Auditorio Constante Liste de Teo. Despois iniciou unha xira que a levou a visitar O Barco de Valdeorras (Auditorio Lauro Olmo) o 31 de marzo ás 19,30 h. Estes días recala en Viveiro (Teatro Pastor Díaz) o 14 de abril ás 18,00 h; en Boiro (Casa da Cultura Ramón Martínez López) o 15 de abril ás 19,00 h; en Vilalba (Auditorio Carmen Estévez) o 16 de abril ás 18,00 h; en Vilagarcía de Arousa (Auditorio Municipal) o 22 de abril ás 18,00h; no Porriño (Centro Cultural) o 28 de abril ás 17,00 h; en Monforte de Lemos (Edificio Multiusos) o 29 de abril ás 18,00 h e en Porto do Son (Casa da Cultural de Portosín) o 30 de abril ás 19.30 h.



