
A velada de Londres, a nova produción da plataforma creativa ButacaZero, inicia esta fin de semana a súa xira por auditorios e salas de Galicia. Muros, As Pontes, Vigo, Foz, Noia e Cee serán as escalas dunha montaxe que rende tributo á figura e legado do dramaturgo, actor e docente Manuel Lourenzo (1943-2025).
A compañía liderada pola escritora e actriz rianxeira Esther F. Carrodeguas e por Xavier Castiñeira -quen dirixe o espectáculo- adéntrase con esta peza no universo de Lourenzo. Faino cun texto do gran mestre do teatro galego, incluído no seu volume Veladas indecentes (Premio Nacional de Literatura Dramática 1997), que ademais garda unha relación especial con Castiñeira: traballou como axudante de dirección do propio Lorenzo nesta mesma peza nos seus inicios profesionais. Agora, case tres décadas despois, Castiñeira retoma aquel texto desde a súa propia mirada e a súa concepción do teatro.
Após a súa estrea na Coruña o pasado 4 de setembro, A velada de Londres percorrerá diferentes escenarios da Coruña, Pontevedra e Lugo. Así, a primeira parada da xira será este sábado 3 en Muros. Á semana seguinte chegará ao Cine Alovi das Pontes e o venres 16 ao Auditorio Municipal de Vigo. Un mes despois, retomaranse as representacións: a sala Bahía de Foz (27 de novembro), o Teatro Coliseo Noela de Noia (5 de decembro) e a Casa da Cultura de Cee (12 de decembro) acollerán a última tríade de funcións deste tour.
Unha lectura sobre a moral vitoriana e o desexo
En A velada de Londres, a trama parte do retorno de Jonathan Harker á súa vida burguesa tras a viaxe aos Cárpatos e a súa posterior experiencia obsesiva co Conde Drácula. A través dunha estética vitoriana que se vai transformando a medida que o elemento atávico se apodera do espazo, a proposta afástase do terror convencional para abordar a tensión entre a razón e os instintos, entendendo a figura do vampiro como un símbolo de liberación e aceptación do desexo.
A posta en escena integra de xeito orgánico o traballo interpretativo dos actores Xurxo Cortázar, Sophia Rodal e Teo Piñeiro xunto á voz e o violonchelo da artista noiesa Esperanza Mara, quen executa a banda sonora orixinal composta para o espectáculo por Iago Hermo. A súa presenza fai que o público poida gozar dunha velada teatral, mais tamén musical, salientan dende ButacaZero.
Mostra no vestíbulo antes da función
Como complemento á representación, o público que acuda ao teatro poderá visitar a exposición Manuel Lourenzo. A pegada que continúa, un percorrido pola vida profesional de Lourenzo que axudará a comprender ao público asistente a importancia da figura do dramaturgo, director, docente, editor e actor na construción do teatro galego. A mostra, presentada canda a estrea da montaxe no Teatro Rosalía Castro o pasado 4 de setembro, poderase ver en cada unha das representacións desta xira.
A xira
Sábado 3 de outubro, Muros
Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil (20:30 horas)
Venres 9 de outubro, As Pontes
Auditorio M. Cine Alovi (20:30 horas)
Venres 16 de outubro, Vigo
Auditorio Municipal (20:00 horas)
Venres 27 de novembro, Foz
Sala Bahía (20:30 horas)
Sábado 5 de decembro, Noia
Teatro Coliseo Noela (20:30 horas)
Sábado 12 de decembro, Cee
Casa da Cultura
A xira de A Velada de Londres conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e da Rede Galega de Teatros (funcións en Muros, Vigo, Foz e Noia); e da Deputación da Coruña a través do programa Outono das Artes (As Pontes e Cee).



