O salón de plenos do Consistorio de Ribeira abarrotouse este xoves 23 de marzo con motivo da presentación de Poemarios, libro póstumo que aglutina máis de 150 composicións de Agustín Fernández Oujo, nacido en 1906 en Padín e falecido en 1978 en Avilés.
O acto, que se fixo coincidir co 117º aniversario da concesión do título de Cidade a Santa Uxía de Ribeira polo Rei Alfonso XIII, contou coa participación do alcalde Manuel Ruiz e do fillo do escritor, carpinteiro e artesán ribeirense, Agustín Fernández Martínez, quen explicou que este volume funde dous títulos: Poemario de reflexiones y consideraciones cristianas e Poemario de inspiraciones, pensamientos y versos libro este último que, segundo relatou Fernández Martínez, xurde dun artigo que, baixo o título El poeta Agustín nunca dejará Riveira, Perfecto García Neira escribiu no xornal La Voz de Galicia o 18 de abril de 1991 con motivo da dedicación dunha rúa ao escritor por decisión plenaria e coa aquiescencia de todos os grupos da Corporación.
Fernández Martínez tivo palabras de agradecemento á familia de García Neira por permitir reproducir este artigo, ao alcalde do Concello Manuel Ruiz pola publicación do libro, a Pastor Rodríguez (director do Museo do Gravado de Artes) pola edición do mesmo e a Miguel Ángel Vidal, director do Museo Municipal, pola montaxe da exposición do Santa Isabel, que recolle correspondencia entre Fernández Oujo e o segundo oficial Luis Cebreiro. Tamén tivo palabras para a Asociación de Veciños de Carreira, por poñer voz ao poema Endecha por las tragedias del mar, dedicado ás vítimas do Cartagena Nº3, onde morreron os seus 21 tripulantes en augas de Corrubedo; e para as Igrexas Evanxélicas de Castiñeiras e Ribeiras, do que o seu pai formar parte.
Fernández Martínez concluíu cuns versos de Lucas Fernández, bisneto de Fernández Oujo, composto con once anos e dedicado a Ribeira.
Pola súa banda, Manuel Ruiz significou o orgullo de poder presentar este Poemario, que pretende ser un recoñecemento a un fillo importante de Ribeira, “unha persoa humilde pero comprometida coa súa fe e capaz de expoñer eses sentimentos tan profundos para que todas poidan reflexionar a partir da súa obra”.
Ao abeiro do 117º aniversario do título de Cidade, Ruiz Rivas manifestou que Agustín Fernández Oujo era unha desas persoas que precisamente “facían máis grande esta cidade”. O rexedor quixo rematar, ao igual que o neto do escritor, cunhas estrofas, neste caso do poema titulado A Riveira composto polo homenaxeado.
O evento contou coa introdución e o peche musical de Borja Bretal García, alumno de guitarra do Conservatorio Enrique Paisal.