O vindeiro venres 17 de marzo, ás 13.00 horas, a sala de exposicións da Casa da Cultura de Porto do Son vai acoller a inauguración da mostra Mergulla na historia do mar, do proxecto Rimartes. Estará presente no acto o alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, a tenente de alcalde María Maneiro, o concelleiro de cultura, Juan Francisco Pouso Avilés e membros do Grupo de Acción Local do sector pesqueiro. A mostra poderá verse até o 31 de marzo.
A exposición é o froito dun exhaustivo percorrido polo litoral noroeste de Galicia para mostrar a riqueza do patrimonio subacuático.
Reúne as fotografías gañadoras do I Certame Rimartes de FotoSub en Pecios e unha escolma de imaxes que poñen o foco nos vencellos dos naufraxios cos enclaves naturais.
Rimartes é o proxecto no que se enmarca a exposición, que é promovido polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Costa Sostible, Golfo Ártabro Sur e Costa da Morte. A iniciativa é co-financiada con fondos europeos e procura favorecer a economía local a través do turismo experiencial e de mergullo, potenciando o que o proxecto cualifica como “museos no fondo do mar” na franxa litoral que comprenden os tres GALPs entre os municipios de Bergondo e Porto do Son.
A través de Rimartes preténdese impulsar un turismo emocional capaz de atraer visitantes locais, nacionais e internacionais ao longo de todo o ano para colaborar coa desestacionalización do sector.