Este mércores 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, a nosa comarca vai ser un fervedoiro de accións e mobilizacións reivindicativas. Por exemplo na praza do Concello de Ribeira, onde Mulleres en Acción (Asociación de Mulleres do Barbanza) convocou unha concentración “para seguir avanzando en cuestión de dereitos“.
A reivindicación tamén porá o foco nos servizos públicos e na necesidade de achegar máis esforzos para acadar logros nos seguintes puntos: empregos, salarios e pensións dignas; educación feminista; soportes públicos para persoas vulnerábeis; saúde pública de calidade con perspectiva feminista; dereitos sexuais e reprodutivos; e sistema público de coidados. A xuntanza, que está convocada para as 19.30 horas na praza do Concello de Ribeira, tamén servirá para reclamar a erradicación definitiva da lacra da violencia machista.




