Galiza Nova fai un chamamento á nosa mocidade para participar nas XXIII Xornadas da Historia de Galiza (en Rianxo, os días 17, 18 e 19 de marzo)

01 Marzo 2023

Galiza Nova presentou este primeiro de marzo os detalles da XXIII edición das Xornadas da Historia de Galiza, que se van celebrar en Rianxo os días 17, 18 e 19 de marzo. O alicerce temático desta nova convocatoria será a historia do movemento nacionalista galego. A secretaria xeral de Galiza Nova, Marta Gómez, lanzou un convite á mocidade galega para participar nas palestras que se impartirán neses días no Pazo de Rianxiño.

A organización xuvenil do BNG elixiu o concello de Rianxo pola súa vinculación coa figura de Castelao, “Castelao é un dos pais do nacionalismo galego tal e como o entendemos hoxe en día, por iso eliximos a vila que o viu nacer para desenvolver estas xornadas formativas” sinalou Gómez, engadindo que as xornadas darán comezo o venres ás sete da tarde cun relatorio sobre o nacionalismo galego que impartirá a deputada do BNG no parlamento galego Olalla Rodil, e continuarán o sábado con diferentes palestras que abordarán a historia do movemento nacionalista e terán a súa clausura o domingo a medio día tras a proxección do documental sobre os 20 anos da catástrofe do Prestige.

Durante a tarde do sábado as mozas e mozos da organización realizarán tamén un roteiro pola vila que impartirá Adolfo Muíños, alcalde rianxeiro, quen sinalou na presentación das xornadas que “para nós é un orgullo que as mozas e mozos de Galiza Nova veñan facer estas xornadas na nosa vila, que foi berce de Castelao, e que sigan formándose e aprendendo sobre nacionalismo galego nun momento tan importante”.

Marta Gómez engadiu que a intención é “animar a toda a mocidade a participar esa fin de semana con nós en Rianxo”. E apuntou: “As xornadas son unha oportunidade para formarse e para aprender, mais tamén son un bo espazo para o convivio e para coñecer a realidade das mozas e mozos de distintas zonas do país, por iso creo que calquera persoa que teña interese debería achegarse sen medo”.

As xornadas son abertas a todas as persoas de entre 15 e 30 anos que queiran participar delas, mais deberán facer unha inscrición previa en liña a través dun formulario que se atopa tanto na web como nas redes sociais da propia organización xuvenil.

Programa de actividades

Venres, 17

19:00h. Benvida e presentación das Xornadas.

19:30h. “Nacionalismo galego para dummies“, con Olalla Rodil.

21:30h. Cea.

22:30h. Proxección do documental “Setembro 1972 – Unha folga que mudou a nación”.

Sábado, 18

09:00h. Almorzo.

10:30h. “O pensamento crítico de Castelao”.

12:00h. Pausa.

12:30h. “Nacionalismo galego dende os anos 60 ata os 90”, con Manuel Mera.

14:30h. Xantar.

16:30h. Coñecemento da contorna. Roteiro pola vila de Rianxo.

19:00h. “Nacionalismo galego na actualidade”.

21:30h. Cea e foliada.

Domingo, 19

09:30h. Almorzo

11:00h. Proxección do documental “20 anos de dignidade”.

12:00h. Mesa redonda: “Nacionalismo galego: a autoorganización como piar fundamental”, con Bieto Lobeira.

14:30h. Xantar.

16:30h. “O papel de Galiza Nova na loita pola República Galega”.

17:30h. Clausura das Xornadas.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Eu vi a árvore chorar” – Manuel Domínguez

“Eu vi a árvore chorar” – Manuel Domínguez

Eu vi a árvore chorar. Em honra da verdade choramos juntos. E entre lágrimas e balbucios de palavras, mesmo entendendo porque ele estava chorando, perguntei a ele. Ele não estava chorando pela fruta perdida, podiam ser maçãs, laranjas, neste caso eram pinhas, pinhas...