Chévere leva o seu espectáculo N.E.V.E.R.M.O.R.E ao Auditorio de Rianxo (o día 18 de marzo)

02 Marzo 2023

O vindeiro sábado 18 de marzo, a Sala Arcos Moldes do Auditorio de Rianxo acollerá a nova produción do grupo de teatro Chévere, N.E.V.E.R.M.O.R.E., centrada na catástrofe do Prestige e nas terríbeis consecuencias que tiveron para a nosa costa, que puideron ser maiores senón fóra polo traballo da xente do mar e dos voluntarios que lle puxeron freo á marea negra. Trátase dunha co-produción da agrupación Chévere co Centro Dramático Nacional, co apoio da axencia AGADIC (Xunta de Galicia) e a colaboración do Auditorio de Galicia e o Concello de Santiago de Compostela.​​​​​​​

​​​​​​​A función será ás 20.30 horas. Trátase dun espectáculo para maiores de 12 anos. A entrada será de balde até completar capacidade. A recollida de convites deberá facerse dende unha hora antes do comezo da función (máximo 2 por persoa).

N.E.V.E.R.M.O.R.E., segundo explica o Concello rianxeiro, colle o seu nome da resposta indescifrábel que o corvo do poema de Poe dá unha e outra vez ás preguntas dun home que perdeu o que máis quería. Dáse a casualidade de que estas siglas son o lema Nunca máis traducido ao inglés, que foi o berro alzado polo pobo galego ante a traxedia do Prestige e a incompetencia dos representantes políticos que a permitiron e a agravaron. En palabras de Chévere, tamén podería ser un S.O.S. emitido á desesperada no código internacional de sinais marítimos. Ou o acrónimo dunha gran corporación que sabe que hai sitios con xente que se poden sacrificar para que todo siga funcionando como ata agora.

Así nolo explican dende Chévere: “Para nós N.E.V.E.R.M.O.R.E. é unha forma de acudir á memoria colectiva dun deses pobos que se poden borrar do mapa sen que pase nada. Un pobo que, así e todo, en decembro de 2002 fixo seu o berro do corvo e non se deixou convencer polas mentiras daqueles que aseguraban que todo volvería ser coma antes. Contar esta historia é tamén un conxuro para desfacer o feitizo que sigue rodeando a catástrofe do Prestige, convertida nunha metáfora estrañamente perfecta desa cultura do petróleo que nos impide ver que hai máis alá da catástrofe, coma se non puidésemos habitar outro lugar que non sexa ese. Coma se non fose posíbel encontrar un rinoceronte gris dentro dunha caixa negra”.

​​​​​​​

Outros artigos

Ribeira reivindica arte local cunha mostra colectiva de 23 artistas

O Centro Cultural Lustres Rivas, espazo vivo de creación e difusión cultural activo dende 2011, acolle este días, por segundo ano consecutivo, unha exposición colectiva de artistas da contorna, fundamentalmente ribeirenses, baixo o título Camiño da arte que está...

+

O Pazo da Mercé, na Listaxe Vermella do Patrimonio de Hispania Nostra

A Lista Vermella do Patrimonio que mantén actualizada online a asociación Hispania Nostra denunciando o estado de abandono dos tesouros da xeografía española, vén de engadir un novo inmóbel do Barbanza aos seus rexistros, que sumar á Casa da Cadea (A Pobra) e a...

+

110 persoas participaron na ruta rosaliana As Pegadas de Rosalía

Os concellos de Ames, Brión, Dodro e Padrón organizaron este pasado sábado, 14 de setembro, unha saída pola ruta rosaliana que transcorreu polos lugares máis emblemáticos da vida de Rosalía de Castro e o seu legado literario. A ruta comezou no Pazo da Peregrina, en...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión