Até 40 servizos turísticos de Barbanza Arousa inician o procedemento para acadar o selo de calidade SICTED

27 Marzo 2023

O Viveiro de Empresas de Boiro, no Polígono de Espiñeira, acolleu a primeira das formacións colectivas da acreditación SICTED, no que participan aloxamentos, empresas de restauración, actividades complementarias e servizos municipais

O destino Barbanza Arousa iniciou deste xeito, formalmente, a certificación no Sistema de Calidade Turística en Destino, SICTED, coa participación de 40 empresas e servizos turísticos do territorio e 16 oficios diferentes.

Na mañá deste luns 27 de marzo comezou a formación colectiva na que se tratan temas coma os Manuais de Boas Prácticas que aplicará cada tipoloxía de empresas e a plataforma de xestión deste modelo. O mércores continuarase con temas que versan sobre a planificación da mellora e lexislación.

Dende a Mancomunidade Barbanza Arousa informan de que “este modelo contempla a realización de asistencias técnicas individuais que se levarán a cabo en cada establecemento co obxecto de valorar os requisitos a cumprir e mellorar naqueles que cada servizo precise”.

O selo SICTED de calidade turística está orientado a resultados e céntrase no itinerario de consumo do turista, co obxecto de satisfacer e fidelizar ao cliente. Con este proxecto preténdese continuar a consolidación de Barbanza Arousa como destino turístico a nivel nacional, recoñecer a calidade turística e fomentar a cooperación público-privada.

Para as empresas do territorio, participar neste sistema de certificación permite “dispoñer dunha ferramenta de apoio para a excelencia no servizo, compartir experiencias e establecer sinerxías con empresarios do mesmo sector e aumentar a percepción de calidade por parte do visitante”.

Aloxamentos de turismo rural, apartamentos turísticos, cámpings e vivendas de uso turístico están incluídos neste proceso. Ademais deste tipo de establecementos están adheridos bares e cafeterías, restaurantes, axencias de viaxe, adegas, guías de turismo, portos deportivos, taxis, transporte turístico e turismo activo. Completan este listado servizos municipais como son as oficinas de turismo dos catro concellos, museos e praias.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...