Ames adapta á súa rede de colexios o programa de inmersión lingüística no galego orixinado no IES da Pobra do Caramiñal

02 Marzo 2023

Arredor de tres mil nenos e nenas que cursan o segundo ciclo de Infantil e Primaria no municipio de Ames están a participar dende esta semana no proxecto de inmersión lingüística creado pola Real Academia Galega e o Concello, no marco de Modo galego, actívao! O programa promove toda unha serie de actividades e reflexións para normalizar o uso do idioma non só no día a día nas escolas, tamén nas actividades extraescolares, de lecer, tempo libre e conciliación familiar xestionadas a través da administración local. A iniciativa conta con blog de seu e inclúe un programa extenso de actividades nas redes sociais e botando man dos contidos audiovisuais e dos videoxogos.

A experiencia de inmersión lingüística estase a desenvolver na Escola de Educación Infantil do Milladoiro, as escolas unitarias de Covas e da Igrexa e os colexios de Barouta, A Maía, Ventín e Agro do Muíño. Durará tres semanas e inspírase en 21 días co galego (a iniciativa de inmersión lingüística iniciada no IES da Pobra do Caramiñal, da man da profesora Pilar Ponte, e agora amplificada a máis centros da man da Secretaría Xeral de Política Lingüística), pero coa particularidade de “anticipar a experiencia ás primeiras etapas educativas e implicar, por primeira vez, todos os colexios dun mesmo concello a un tempo e estenderse ao conxunto de actividades educativas, complementarias e extraescolares de xestión local”, explicou o Concello de Ames.

O que se pretende acadar é “o compromiso entre o alumnado, o profesorado, o monitorado dos servizos complementarios e outros traballadores e traballadoras dos centros educativos de empregaren o galego durante, polo menos, tres semanas seguidas, buscando tamén a complicidade das familias”. E para facilitar o obxectivo, estanse a desenvolver toda unha serie de experiencias que, no caso das destinadas aos nenos e nenas, son dun marcado carácter lúdico. “Penso que o feito de que o que se lles propoña sexa divertido é fundamental, que non o vexan como os deberes, senón como unha actividade diferente e voluntaria que lles permite ademais acadar un premio”, reflexiona Javier Cacheiro.

Segundo fixo saber Enrique Gil, responsábel do equipo de dinamización lingüística do CEIP de Ventín, a resposta das crianzas está a ser “exemplar”. Así, as nenas e nenos fan serios esforzos por falar en galego e autocorrixirse. “Cada día teñen que reflexionar sobre a experiencia e autoavaliarse cun semáforo, e avalíanse con moita esixencia, paréceme unha proposta moi interesante porque promove a concienciación lingüística e porque se basea en actividades moi novidosas”.

Da diagnose á acción

Con Modo galego, actívao! a Real Academia Galega e o Concello de Ames pasan do diagnóstico á acción. O programa dálle continuidade ás investigacións do Seminario de Sociolingüística neste municipio que deron lugar á publicación A lingua no CEIP Agro do Muíño (2018) e ao Mapa sociolingüístico escolar de Ames (2021), no que se detecta unha perda do 10 % de galegofalantes iniciais xa no primeiro contacto co medio educativo na etapa infantil. Esta porcentaxe vai medrando nos sucesivos cambios de ciclo ata cifras extremadamente preocupantes: na Secundaria só o 11 % do alumnado é galegofalante e outro 11% bilingüe, fronte a un 77 % de falantes habituais de castelán, a maioría deles monolingües.

“É o momento de actuar e de sumar forzas entre as diferentes administracións e institucións implicadas”, salienta a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín. “Somos plenamente conscientes da situación sociolingüística nos centros escolares do municipio. É por isto que é urxente poñer en marcha intervencións coa finalidade de reverter a situación da nosa lingua entre a poboación máis nova e de garantirlles ás nenas e aos nenos o dereito a usar con normalidade a lingua que nos identifica como galegos e galegas”, expresa.

O proxecto conta cun blog que orienta o profesorado sobre que facer cada día, cada semana. Nestes primeiros sete días, a atención temática céntrase no audiovisual, a música, as redes sociais e os videoxogos e cada aula pode elixir realizar dobraxes divertidas de películas, pequenos vídeos sobre calquera tema curioso baseada na linguaxe de espazos coma Youtube e Tik Tok ou ben compoñer unha canción de música urbana en galego, detalla Gabino Vázquez-Grandío, técnico do Seminario de Sociolingüística da RAG. “Nas aulas de infantil a experiencia estase centrando polo momento en traballar co léxico, por campos semánticos”, engade.

A RAG e o Concello buscan ademais a complicidade das familias, con propostas para a fin de semana. Este venres 3 de marzo proporáselle ao alumnado un tema para que grave en formato podcast unha breve reflexión persoal. Nos primeiros días da semana seguinte, o profesorado fará unha escolma para remitila ao Seminario de Sociolingüística. Coincidindo co desenvolvemento do programa 21 días co galego, a emisora municipal, Ames Radio, emitirá tres programas especiais sobre dito proxecto os xoves 2, 9 e 16 de marzo.

Alén do programa de inmersión que se estenderá ata o 20 de marzo, Modo galego, actívao! ofrecerá ao longo dos vindeiros meses accións formativas e de sensibilización para o profesorado, os educadores, o persoal auxiliar e o monitorado das actividades complementarias. Prestaráselles tamén asesoramento ás empresas subcontratadas que se encargan das actividades complementarias, acompañarase os colexios na revisión dos proxectos lingüísticos de centro e facilitaráselles a todas as partes material didáctico e apoio á formación. Modo galego, actívao! desenvólvese co financiamento da Deputación da Coruña e do Fondo Xacobeo da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...