A Rede de Coworking da Deputación da Coruña acubilla xa 11 centros (incluídos os de Boiro e A Pobra)

29 Marzo 2023

O GreenCoworking das Pontes acolleu este mércores 29 de marzo un encontro de coordinación da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña. O presidente provincial e alcalde da localidade, Valentín González Formoso, foi o anfitrión da xornada, na que destacou que, “cinco anos despois da posta en marcha do primeiro centro da Rede”, son xa 11 os coworkings en funcionamento na provincia con sedes en Oleiros, Boiro, Brión, Carballo, Ames, Moeche, A Capela, Vedra, As Pontes, A Pobra e Santiago. Isto tradúcese en 84 proxectos innovadores impulsados pola Rede, amais de 178 empregos materializados.

“Trátase dun modelo único en España”, dixo o presidente, salientando que se trata dun formato “baseado na especialización de cada un dos centros nun sector laboral determinado, o que permite crear sinerxías e axudar a que o talento da nosa xente moza poda desenvolver aquí as súas ideas de negocio e contribuír a crear emprego e oportunidades de futuro no rural”.

González Formoso enxalzou este compoñente específico de todos os centros da Rede, por exemplo o do Pazo de Arenaza de Oleiros, que acolle iniciativas emprendedoras relacionadas coa arquitectura e o urbanismo; ou o coworking A Proa de Ames, especializado en empresas do sector audiovisual ou de base tecnolóxica; ou o LAB-Barbanza, en Boiro, centrado no sector conserveiro e a transformación de produtos do mar; ou os centros de Brión e Moeche, na transformación dos produtos do agro; ou o GreenCoworking pontés nas enerxías renovábeis e o hidróxeno.

“Os centros teñen un marcado carácter comarcal e a súa finalidade é axudar a desenvolver sectores produtivos e profesionais específicos en cada comarca. O noso obxectivo é acompañar e titorizar ás emprendedoras e emprendedores na posta en marcha dos seus proxectos, prestarlles servizos e facilitar que compartan experiencias, creando sinerxías e transferencias de coñecemento que impulsen o desenvolvemento das súas ideas de negocio e o nacemento de novos proxectos”, afirmou o presidente da Deputación.

Formoso subliñou a importancia de apoiar desde as administracións o emprendemento e a creación de emprego, unha das liñas de acción principais do seu goberno a través do Plan de Emprego Local (PEL), que “ademais de impulsar esta pioneira rede de apoio ao emprendemento supuxo a creación de máis de 5.300 empregos nos sectores público e privado e apoio económico para mellorar a competitividade de máis de 3.000 pequenas empresas creación e persoas autómomas a través das súas liñas de axudas”, comentou.

A xornada

Con este encontro, a Deputación da Coruña quixo facer balance dos primeiros cinco anos da Rede, crear novas liñas de colaboración entre os once centros e establecer estratexias de actuación comúns, ao tempo que os diferentes equipos xestores intercambian boas prácticas.

A parte central da xornada dedicouse a facer balance dos primeiros anos de funcionamento da Rede e de pór en valor todos os servizos comúns cos que conta: web, campus, servizos de mentoring e titorización de proxectos, coworking VISA, que permite aos coworkers traballar desde calquera dos once centros da provincia, etc.

Durante a mañá tamén houbo tempo para visitar as instalacións do GreenCoworking As Pontes e coñecer en detalle algúns dos proxectos que alberga, cunha visita guiada por parte da xestora deste espazo, así como para coñecer a actividade de SEARA, a entidade empresarial pontesa que comparte a sede do centro, da man do seu presidente, José Castro.

A continuación realizouse unha breve presentación do estado de situación de cada un dos 11 coworkings.

Tras o peche da xornada tivo lugar espazo para o networking e intercambio de opinións entre o persoal técnico, as asistencias técnicas xestoras de espazos e a parte política da Rede.

Ademais do presidente provincial, Valentín González Formoso; o acto contou coa asistencia do deputado de Emprego, José Ramón Rioboo Castro; o alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro; o alcalde de Boiro, José Ramón Romero; o tenente alcalde de Vedra, Enrique Vázquez; Manuel Varela, concelleiro de Desenvolvemento Local, Participación Veciñal e Xestión Interna de San Sadurniño; Araceli Bellas Castro, concelleira de Igualdade de San Sadurniño; Ana Belén Paz, concelleira de Promoción Económica de Ames; María Pais, presidenta da Cámara de Comercio de Santiago; José Castro Romero, presidente da asociación SEARA; persoal técnico e xestor de todos os espazos de traballo colaborativo integrantes da Rede Provincial.

A Rede de Coworking da Deputación está actualmente polos seguintes centros:

· Coworking Pazo de Arenaza (Oleiros)

· Emprende LAB-Barbanza (Boiro)

· Daquí Darredor (Brión)

· Coworking Carballo (Carballo)

· Coworking A Proa (Ames)

· Centro Comarcal de Desenvolvemento Rural A Fusquenlla (Moeche)

· Coworking A Capela (A Capela)

· Centro de emprendemento A Estación (Vedra)

· Green coworking (As Pontes)

· Coworking A Pobra

· Coworking Dixital Ccompostela (Santiago)

Podemos atopar máis información na súa páxina web: redecoworking.pel.gal.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Estratexias kafkianas” – José Manuel Pena

“Estratexias kafkianas” – José Manuel Pena

Despois de tantos anos de período democrático e de liberdades en España, queda de manifesto que o espírito da transición durou o xusto e necesario para que se producise unha amnistía xeral de todos os crimes cometidos durante as catro décadas da ditadura militar...