A asociación feminista Mulleres en Acción da Barbanza convoca a unha concentración para este mércores 8 de febreiro, na praza do Concello de Ribeira ás oito da tarde, en repulsa polo asasinato machista de Beatriz Lijó, no concello de Baiona.
Segundo lembra a entidade feminista, Beatriz foi atopada morta o domingo en Baiona, con signos de violencia, á entrada do seu domicilio. O pasado luns foi detido en Ourense a súa ex-parella, Ángel Rodríguez, acusado de matala. “Este é, que teñamos constancia, o primeiro asasinato machista que se produce na nosa Comunidade no que vai de ano”, sinalan, mostrando deste xeito a súa firme repulsa: “
“Séguennos matando, a violencia machista segue aí, actúa cando as mulleres queren ser libres, cando deciden rematar unha relación, cando emprenden unha nova”.
E engaden: “Por iso queremos alzar a nosa voz, unha vez máis. Facémolo con moita dor, pero tamén coa esperanza de que o terrorismo machista vaia desaparecendo a medida que a nosa sociedade se vaia volvendo máis igualitaria e máis xusta”.




