A Xunta ultima o anteproxecto de lei de ordenación do litoral de Galicia coa tramitación de todas as alegacións recibidas

28 Febreiro 2023

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou hoxe que a Xunta ultima o anteproxecto de lei de ordenación do litoral de Galicia coa tramitación de todas as alegacións recibidas.

Durante unha reunión co Consello galego de medio ambiente e desenvolvemento sostible (Cogamads), a conselleira incidiu en que a Xunta está a traballar coa máxima axilidade, compromiso e eficacia para poder contar cun texto normativo que acade a xestión integrada da costa e dea maior seguridade xurídica.

Para acadar ese obxectivo, Ángeles Vázquez salientou o esforzo do Goberno galego para que esta nova lei sexa o máis consensuada e participada posible. De feito, ademais das reunións mantidas, entre outros, co Observatorio do Litoral, cos concellos costeiros, con representantes da cadea mar-industria, coas universidades e con propietarios afectados, o anteproxecto incorporará total ou parcialmente ao redor da metade das achegas recibidas. Tanto nas reunións como no período de alegacións, quedou constatado o consenso xeral sobre a necesidade de dotar á Comunidade dunha norma propia en materia de ordenación da costa.

Nesa liña, a conselleira explicou que, aínda que non é o trámite habitual, someteuse o novo texto ao Cogamads pola transcendencia e relevancia deste anteproxecto para que Galicia conte cunha norma propia, ambiciosa e adaptada á nosa realidade xeográfica, ao noso modelo produtivo e ao noso modo de vida.

Cómpre lembrar que a Xunta comezou a tramitación deste anteproxecto o pasado mes de setembro para atallar a inseguridade xurídica que están a causar as normativas aprobadas nos últimos meses por parte do Goberno central que poñen en risco actividades económicas claves para a nosa Comunidade.

Así, a futura normativa ten unha serie de obxectivos xerais que poden resumirse en autogobernar o noso litoral; regular a costa galega por quen mellor a coñece e desde unha tripla perspectiva: ambiental, social e económica; facilitar a planificación dos usos da costa por tramos da mesma, e outorgar seguridade xurídica.

Para concluír, a conselleira subliñou que o Goberno galego segue dando pasos para remitir canto antes o proxecto normativo ao Parlamento, onde tamén se buscarán acordos con todos os grupos da Cámara, e converter a Galicia na primeira comunidade autónoma española que regula mediante unha lei o seu litoral en toda a súa extensión, seguindo as directrices establecidas pola Comisión Europea.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, preside a reunión do Consello galego de medio ambiente e desenvolvemento sostible.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Estratexias kafkianas” – José Manuel Pena

“Estratexias kafkianas” – José Manuel Pena

Despois de tantos anos de período democrático e de liberdades en España, queda de manifesto que o espírito da transición durou o xusto e necesario para que se producise unha amnistía xeral de todos os crimes cometidos durante as catro décadas da ditadura militar...