
As e os participantes no Obradoiro de Emprego medioambiental Torre Goiáns III do Concello de Boiro recibiron estes días a visita do alumnado dos IES de Boiro para ensinarlle o Pazo de Goiáns e os traballos que están a realizar alí. Á visita asistiron a concelleira de Medio Ambiente, Olga González, e a concelleira de Cultura, María Outeiral.
O Obradoiro Medioambiental Torre de Goiáns III Boiro combina os traballos de aprendizaxe teórica e prácticas, coa difusión das distintas formacións paixasística, medioambientais e patrimoniais que alberga a finca do Pazo de Goiáns. Esta formación está dividida en dúas especialidades con 10 alumnos en cada unha. Por un lado a especialidade de Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes e, por outro, Repoboacións forestais e tratamentos silvícolas. O alumnado recibe capacitación en espazos naturais do concello ao contar cun contrato de traballo para a formación e aprendizaxe a tempo completo de 40 horas semanais.
A concelleira de Cultura, María Outeiral, explicou ao alumnado que o Pazo de Goiáns “é unha xoia patrimonial e está a ser un gran escenario de visitas guiadas para dar a coñecer a súa riqueza e as actividades culturais de todo tipo que se desenvolven neste espazo durante todo o ano”. Pola súa parte, a concelleira de Medio Ambiente, Olga González, declarou que “a finca do Pazo de Goiáns ten un gran valor patrimonial e medioambiental, con especies senlleiras que non se atopan noutros espazos naturais do noso municipio”.
O Obradoiro de Emprego medioambiental Torre Goiáns III do Concello de Boiro lévase a cabo mediante unha subvención de 531.046,20 euros da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade a Xunta de Galicia para a realización de obradoiros de emprego na comunidade autónoma.



