A asociación Agro da Pobra constitúese formalmente con preto dunha decena de participantes

06 Febreiro 2023

Co obxectivo de tirar proveito dos excedentes agrarios do ámbito local, a Concellaría da Promoción Económica da Pobra do Caramiñal botou a andar a finais de 2021 o proxecto Agro da Pobra, constituído xa como asociación coa participación de preto dunha decena de persoas. Segundo fixo saber o dito departamento, o proxecto atópase na fase de difusión da súa folla de ruta, coa “clara aspiración de seguir medrando”. Así, non se limita unicamente á veciñanza con hortas, “pois contarase tamén con bancais colectivos nun terreo situado na zona da Laxe, en Cabío”.

Sesións informativas

Ao longo de todo o mes de febreiro desenvolveranse unha serie de sesións informativas abertas a toda a cidadanía para dinamizar a agrupación e que máis xente se involucre nela, ben sexa na parte da venda ou na da compra dos alimentos. Anúnciano así a concelleira da Promoción Económica, Charo Varela (Nós Pobra), e o presidente desta nova entidade agraria, Antonio González.

Os encontros arredor desta iniciativa terán lugar no centro sociocultural do Vilariño (día 8), no centro sociocultural da Angustia (día 9), no local da Comunidade de Montes de Santo Isidro (día 10), no centro sociocultural de Santa Cruz (día 13) e no centro sociocultural da Ribeiriña (día 14). Todos eles serán ás 19.00 horas.

Sachos á Rúa

A maiores, impartirase a segunda edición das xornadas formativas de iniciación á horta ecolóxica a cargo de Sachos á Rúa, representada por Manuel González no acto. As clases teórico-prácticas transcorrerán nos días 15, 17, 22 e 24 de febreiro e 1 e 3 de marzo, no centro sociocultural da Angustia, en horario de 17.00 a 19.00 horas. Requírese a inscrición previa a través do teléfono de contacto 981843280, marcando a extensión 2035, ou do enderezo electrónico promocion.economica@apobra.gal. Ofértanse 20 prazas.

Entre os obxectivos de Agro da Pobra figuran “pór en valor a produción agrícola das pequenas explotacións do concello; fomentar o consumo de alimentos de calidade e de proximidade (quilómetro 0); xerar actividade económica a partir dos produtos de tempada; dinamizar o comercio local, neste caso, a través dunha plataforma dixital; fomentar a actividade agraria; e promover un estilo de vida saudable e sustentábel”.

Outros artigos

Na Pobra o espírito do Nadal xa se vive no CAD

Comeza o mes de decembro e o CAD situado na Pobra do Caramiñal xa ten todo preparado para o Nadal. De feito, neste día 1 deron a benvida oficial a esta época festiva.Un trineo, unha casiña de xenxibre ou a caixa de correo para os Reis Magos son algúns dos elementos...

+

O Nadal vivirase tamén nas parroquias da Pobra

As parroquias do termo municipal da Pobra do Caramiñal gozarán tamén de actividades de Nadal dirixidas á rapazada que impulsa a Concellaría da Participación Veciñal. A edil Amparo Cerecedo manifestou que o se busca é “descentralizar as accións lúdicas do núcleo urbano...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O falar das pedras”. Luís Celeiro

“O falar das pedras”. Luís Celeiro

O falar das pedras é moito falar. Din o que saben, o que pasaron e o que será. As pedras gardan as mensaxes do tempo, as raias dos anos, dos miles e millóns de anos e cóntannolo aos que as escoitamos, aos que as miran e as queren. Millóns de anos escribindo e deixando...