O parque do Castelo (A Pobra) contará cunha nova superficie de caucho

O Concello da Pobra do Caramiñal informou de que a vindeira semana concluirán os traballos para dotar de pavimentado con caucho continuo ao parque infantil do Castelo. Trátase dunha actuación que lle dá continuidade ao proceso xeral de mellora dos espazos de lecer destinados ás crianzas impulsado polo Goberno local, unha liña á que tamén se abeiran as renovacións de equipamentos na Lombiña, no Vilariño ou na Granxa, amais do xa proxectado na Angustia e a dotación dun módulo cuberto no de Venecia, segundo avanzou este martes 24 de xaneiro o alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra).

Pola súa banda, a concelleira dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos (Nós Pobra), indicou que as tarefas comprenden a substitución do anterior caucho e o céspede artificial pola extensión de novo polímero antiesvarante en distintas cores. A empresa Ouri Entretenimientos S.L. resultou adxudicataria desta intervención por un importe total de 48.301 euros, IVE incluído, con cargo ao remanente da Tesouraría de 2021.

Con relación a isto último, o rexedor explica que a aprobación da conta xeral no último trimestre do pasado exercicio e a consecuente disposición da partida orzamentaria motiva que a obra se execute nesta época.