Outes rende homenaxe ao estudante José María Fuentes Fernández nos 50 anos do seu asasinato

03 Decembro 2022

Fai 50 anos na noite do 3 ó 4 de decembro un policía asasinou a sangue frío con dous tiros por detrás a José María Fuentes Fernández, coñecido como Chema Fuentes, un estudante de medicina da USC que era veciño de Outes.

Chema Fuentes Fernández, tal e como recordou O Barbanza na súa máis recente edición en papel (na páxina 22, nunha reportaxe a toda páxina), foi un rapaz de Outes estudante de Medicina que en 1972, durante a última etapa da ditadura franquista, morreu asasinado en Santiago por un axente de policía, na rúa doutor Teijeiro, logo de telo parado un coche patrulla e mentres lle realizaban a identificación. A morte de José María Fuentes Fernández, coñecido polos seus amigos como Chema, era fillo do coñecido doutor don Fernando Fuentes, provocou unha auténtica revolta en Santiago, sobre todo porque veu acompañada dunha versión errónea dos feitos que tentaba exculpar ao policía.

Fillo dunha importante e respectada familia do municipio, a súa morte gratuíta e atroz causou un balbordo sen precedentes na Galicia tardofranquista. Nos días posteriores ao tráxico suceso, Santiago foi unha polvoreira chea de folgas, barricadas, sindicatos estudantís, manifestacións multitudinarias e berros desgañitados demandando xustiza e reparación.

A NOSA HISTORIA

In Memoriam de José María Fuentes Fernández “Chema”, nos 50 anos do seu asasinato.

A morte do mozo que levantou á USC e Santiago contra o franquismo.

Por Xosé María Fernández Pazos

Vaise conmemorar, este 3 de decembro, os 50 da morte do estudante de Outes,  José María Fuentes Fernández, fillo do coñecido doutor Fernando Fuentes, e que estudaba Medicina na Universidade de Santiago, asasinado vilmente por un inspector de policía. 

Sobre as circunstancias da morte do veciño de Outes, parece ser que non houbo motivacións políticas directas, pois nunca se soubo de ningún tipo de relación de Chema con  movementos políticos.

Segundo se recolle nos medios de comunicación do día seguinte, o Goberno Civil en nota oficial destaca sobre o suceso que “…Funcionarios del Cuerpo General de Policía alertados de un posible robo en la calle General Mola fueron avisados por el sereno de la zona de haber oído ruidos sospechosos en un establecimiento de la calle General Pardiñas. Al acudir los inspectores dos jóvenes salieron corriendo sin que pueda precisarse de donde y fueron perseguidos por uno de aquellos funcionarios que les dio el alto; y al hacerle aquellos caso omiso, trató de conminarles disparando al aire como advertencia, y debido tal vez a la agitación de la carrera, uno de los disparos efectuados alcanzó lamentablemente a uno de los jóvenes, que falleció poco después en una clínica.

Resultó ser D. José María Fuentes Fernández, estudiante de medicina, de veinte años de edad y domiciliado en Outes”.

Evidentemente tratábase de ir creando na opinión pública un suceso fortuíto, pois realmente non resulta nada crible esa versión.

Os feitos foron ben diferentes: O inspector e o sereno, diante da tenda compostelán “Muebles El Cantón Grande”, escoitaron a un grupo de mozos que ían pola rúa, cantando e sen causar escándalo, á vez que chamaban ao timbre dunha residencia universitaria feminina, no segundo piso. Entón é cando Chema se separa do resto do grupo e se dirixe pola Rúa Montero Ríos en dirección a Doutor Teijeiro, seguido por outro compañeiro, Camilo Cortizo. O inspector botou a correr detrás deles. Xa na rúa do Doutor Teijeiro, un coche patrulla parou aos mozos e, mentres estaban a identificalos, o inspector, a tan só cinco metros, efectuou dous disparos que acabaron coa vida de Chema Fuentes. Foi trasladado á clínica Álvarez, xa morto.

O luns viviuse unha auténtica revolta en Santiago. Os alumnos celebraron asembleas nas que se tomou a decisión de non asistir a clases e manifestarse pola cidade, a USC viuse obrigada a pechar as súas portas, houbo lanzamentos de cócteles molotov, un deles na Facultade de Ciencias que permanecía aberta, e noutros puntos da cidade; fixéronse barricadas con materiais de obras e cortáronse as rúas.

O Goberno Civil tivo que modificar a súa versión oficial e recoñecer que se produciu un abuso policial e o xulgado ordenou a detención inmediata do axente. Compostela era un fervedoiro que se trasladou a Outes cando miles de universitarios (máis de tres mil sinalaban as crónicas) déronse cita na pequena localidade para o enterro de Chema. As flores esgotáronse en toda a comarca e centenares de caraveis vermellos depositáronse sobre a tumba no medio dunha impresionante manifestación de duelo.

O traslado do féretro que contiña os restos mortais de José María Fuentes á súa localidade natal de Outes, foi unha auténtica demostración de que a súa morte non ía quedar impune. Miles de universitarios e composteláns viron pasar entre aplausos o cortexo fúnebre desde a Facultade de Medicina, onde se lle realizou a autopsia, ata a estrada de Noia. Despois producíronse concentracións e cortes de tráfico e proclamas contra a violencia gratuíta dos efectivos policiais.

Quizais influído pola presión social e a da propia familia Fuentes, o Goberno Civil fala de “contradicións” nos informes, e ponse a disposición xudicial ao inspector J. M. Q..

O axente de 23 anos estaba adscrito ao servizo do DNI de Santiago e estaba realizando unha substitución na comisaría da cidade. O 7 de xullo de 1973 a Audiencia Provincial condena ao inspector a 17 anos, 4 meses e 1 día de cadea, ademais da indemnización á familia.

Nas datas do asasinato recóllense noticias relacionadas co suceso, nas que se observan as numerosas adhesións de pésame e, con menor tratamento, os paros e manifestacións na Universidade de Santiago e folgas na maioría das universidades do Estado. A noticia provocou intensas reaccións de condena en moitos lugares de Europa, mentres nesas datas producíronse multitude de detencións de estudantes por todo o Estado Español.             

O clamor chegou a outras cidades universitarias e Chema converteuse en todo un símbolo que o franquismo se viu obrigado a frear permitindo as protestas (a policía apenas interveu) e responsabilizando de todo ao axente que disparara.       

Chegaron as vacacións de Nadal, pasou o tempo e a morte de Chema quedou no esquecemento. Agora 50 anos despois esa lembranza vaise enmendar coa homenaxe que o concello de Outes fará o mozo estes primeiros días de decembro coa colocación dunha placa na súa memoria.                    

 Descanse en Paz, José María Fuentes “Chema”.

fontes: revista TErra de Outes, Xoán Fc. García Suarez . El Correo Gallego

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...