Dende a Escola de Música da Pobra do Caramiñal colleu impulso nesta recta final de ano un interese proxecto formativo para a rapazada que dinamiza a materia docente de Linguaxe Musical e favorece o seu coñecemento, ao tempo que estimula as capacidades creativas das nenas e nenos participantes. A iniciativa, materializada polo profesorado da escola (botando man de recursos propios e coa axuda das familias das crianzas usuarias da ESMU, novas promesas da música pobrense), contou coa colaboración da Concellería de Cultura da Pobra do Caramiñal, a ESMU da Pobra e Organistrum.

Segundo nos conta Manu Sobral (profesor de materias de Iniciación Musical Infantil e Linguaxe Musical da ESMU), o proxecto, no que traballaron arreo as rapazas e rapaces estas últimas semanas de 2022, deu como resultado o conto Un Monstro polo Nadal, que lanza un convite a animar aos nenos e maiores a que se mergullen na música dun xeito divertido, creativo e participativo. No audiovisual quítaselle ferro á materia de Linguaxe Musical, que en palabras de Manu Sobral viña sendo considerada “o patiño feo” do programa formativo. Podemos ver o vídeo do proxecto en Youtube (lanzado este mesmo domingo 25 de Nadal, a xeito de culminación das actividades).