O Centro Cultural Lustres Rivas está a exhibir esta tempada unha nova exposición de esculturas que leva por título Madeiras vivas, a cargo do creador ourensán Moxom. Foi inaugurada na noite do venres 18 de novembro nun acto que contou coas intervencións da concelleira de Cultura, María Sampedro, e do propio artista.

A mostra abrangue unha vintena de pezas, principalmente de mulleres, talladas polo artista en distintas madeiras, dende salgueiros ata castiñeiros e plátanos. Para realizalas, o escultor sérvese de materiais atopados nos camiños, nos encoros, etc.

Moxom agradeceu ao Concello de Ribeira a oportunidade de amosar esta colección e animou á xente á que mire con calma a súa obra, “que ten os seus matices e require varias miradas”. Pola súa parte, María Sampedro puxo en valor as instalacións do Lustres Rivas e o seu propio persoal á hora de exhibir exposicións e manifestou a súa certeza de que Madeiras vivas é unha obra que resultará atractiva para todos os públicos, e de feito xa hai centros educativos interesados en visitala.
Xosé Manuel Rodríguez, Moxom, naceu en Ourense en 1964 e comezou no mundo da banda deseñada na década dos oitenta formando parte do Frente Comixario, colectivo dinamizador da banda deseñada en galego. Desaparecido o colectivo comezou á súa andadura como Moxom no mundo da escultura de madeira en 1996, e transformou moitos dos seus debuxos en pezas de madeira.
Madeiras vivas poderá ser visitada ata o 17 de decembro en horario de luns a venres de 10 a 14 e de 19 a 21 horas e os sábados de 11 a 14 horas. A entrada é gratuíta.
