O Mago Antón, un dos grandes referentes galegos e estatais da maxia, a prestidixitación e do ilusionismo, estará este sábado 26 de setembro en Boiro para ofrecer o seu espectáculo Cagliostro. Unha historia de maxia no camiño, unha proposta de ilusionismo pensada para vivir a maxia moi de preto nun formato escénico singular. Desenvolverase na praza de Galicia co seguinte horario: de 13.00 a 17.00 e de 18.30 a 20.00 horas.
O Magomóbil, o trailer-escenario no que se representa a función, emprazarase durante todo o día na praza de Galicia de Boiro, con entrada libre.
Cagliostro é un proxecto escénico e de ilusionismo itinerante deseñado especificamente para dinamizar as rutas xacobeas. Trátase dun espectáculo de micromaxia teatralizada que mergullará ao público nunha lenda do Camiño de Santiago, baseada nun romance de cego de Darío Xoán Cabana. O poema foi musicalizado por Mini, o cantante e músico que pertenceu aos grupos de folk Fuxan os Ventos e A Quenlla.
A bordo do Magomóbil o Mago Antón e “El Brujo” presentan a lenda do Conde de Cagliostro mesturada coa tradición oral galega, a picaresca do Camiño e o ilusionismo de rúa, xerando unha experiencia cultural inmersiva.
O Mago Antón (nome real Antón López Rivas, nado na Meda, Castroverde, en 1956) é un dos ilusionistas máis representativos de Galicia, considerado un dos grandes pioneiros da maxia profesional galega e da normalización da lingua no sector escénico, conta cunha traxectoria de máis de medio século na que destaca pola súa maxia creativa e os seus impactantes números de escapismo.




