Chega unha nova edición das xornadas “A Pobra no Tempo”

11 Setembro 2026

Historia, patrimonio e cultura volverán centrar as xornadas A Pobra do Caramiñal no Tempo, que celebrarán a súa oitava edición os días 26 e 27 de setembro. As xornadas reunirán diferentes especialistas para achegar á cidadanía investigacións, episodios e figuras vinculados ao pasado do municipio e da comarca.

O alcalde, José Carlos Vidal, e a concelleira de Cultura, Patricia Lojo, presentaron a programación xunto con Manuel Gago Mariño, un dos impulsores das xornadas e relator nesta edición. A iniciativa busca favorecer a divulgación do coñecemento sobre a historia local e poñer en valor un patrimonio que forma parte da identidade da Pobra do Caramiñal.

O Cine-Teatro Elma concentrará a programación do sábado 26, que comezará ás 16.30 horas coa inauguración a cargo de José Carlos Vidal e Patricia Lojo. De seguido, ás 16.45 horas, Xosé Antonio López Silva, filólogo, catedrático de ensino secundario e membro do padroado da Fundación Otero Pedrayo, abordará Otero Pedrayo e a comarca do Barbanza: paisaxe e historia na Guía de Galicia.

Tomará o relevo ás 17.25 horas a arqueóloga Lupe Castro con O castro da Croa de Posmarcos: resultados da primeira campaña arqueolóxica. Tras un descanso, Manuel Gago Mariño, da Universidade de Santiago de Compostela, ofrecerá ás 18.40 horas Identidades e mulleres: tres historias (de película) no pasado da Pobra.

A última intervención da tarde chegará ás 19.20 horas da man de José Vicente García Santamaría, profesor titular da Universidade Carlos III, xornalista e doutor en Comunicación, que falará sobre Mariñeiros republicanos (galegos) nos campos de concentración soviéticos. Ás 20.00 horas abrirase unha quenda de preguntas e comentarios e, ás 20.30 horas, terá lugar a entrega do póster de Alexandre González Rivas, realizado mediante ilustración 3D.

O domingo 27, a proposta trasladarase ao territorio cunha actividade dedicada ao litoral da parroquia do Xobre. A saída está prevista para as 10.00 horas desde o aparcadoiro da Alameda, con desprazamento en autobús. As prazas son limitadas e as reservas poden realizarse a través do correo bibliotecadapobradocaraminal@gmail.com ou no teléfono 981 831 633.

Esta novena edición de A Pobra do Caramiñal no Tempo dá continuidade a un espazo de divulgación que permite achegar á cidadanía diferentes perspectivas sobre o pasado pobrense. O intercambio entre investigación, patrimonio e memoria contribúe, ademais, a ampliar o coñecemento da historia local e a reforzar a súa conservación e difusión.

Outros artigos

O 21 de setembro abre as inscricións a Ludoteca do Son

O Concello de Porto do Son informou da apertura do prazo de inscricións (o vindeiro luns 21 de setembro) para participar neste novo curso na actividade da Ludoteca Municipal. As actividades darán comezo o 28 de setembro. Haberá dúas franxas de horario: para a rapazada...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.