
A crise da vivenda, lonxe de remitir, vai a máis (intensifícanse os desaloxos; redúcese o mercado inmobiliario; dispáranse os prezos das vendas e dos alugueiros; increméntanse as propiedades dos fondos de investimento, dos grandes propietarios e de empresas semellantes; e, ademais, o turismo sen control acapara boa parte do mercado, encarecendo custes).
Ribeira, neste marco xeneralizada de crise, non é unha excepción. Así o entende a Plataforma Stop Desafiuzamentos do Barbanza, que vén de solicitar ao Concello de Ribeira o cumprimento da Lei de Vivenda e a declaración de zona tensionada para poñer un tope aos alugueiros e facilitar a saída do enorme número de vivendas baleiras (en Galicia unhas 500.000 en Ribeira, preto de 4.000 vivendas) ou adicadas unicamente a pisos turísticos ou de alugueiros de temporada. Segundo a plataforma, “calquera persoa ou familia que desexa vivir na cidade centenaria ten moitísimas dificultades para poder encontrar un alugueiro de vivenda habitual de longa duración”.
E engade a plataforma: “Os Concellos teñen unha parte importante de responsabilidade e para corrixir o problema hai que tomar medidas e deixar de mirar para outro lado”.
Para quen non saiba a implicación dos termos, unha zona tensionada (ou zona de mercado residencial tensionado) é unha área xeográfica onde o prezo do alugueiro ou da compra de vivenda subiu tanto que “dificulta de forma grave o acceso a unha vivenda digna para a poboación local”.
Cando se declara unha zona como tensionada, aplícanse medidas especiais de control de prezos e protección aos inquilinos, por exemplo o límite en novos contratos (se a vivenda xa estivo alugada nos últimos cinco anos, o prezo do novo contrato non pode superar ao do contrato anterior, con certas actualizacións permitidas pola normativa) ou o control dos alugueiros dos grandes propietarios (se o propietario é un gran propietario, o prezo do alugueiro limítase en base ao índice de referencia oficial de prezos).



