Nin todas as empresas e clientes están a favor da agresiva campaña Black Friday, nin todos os sectores vense beneficiados por ela nin todos os compradores atopamos nela o que precisamos, sobre todo se o que precisamos son produtos de proximidade, artesanais, respectuosos co medio ambiente e de calidade. Tendo claro a quen beneficia principalmente (por exemplo as grandes cadeas de distribución de material informático), boa parte das empresas da nosa comarca non se atopan cómodas no Black Friday e, indo un paso máis alá, hai mesmo quen se pon en pé de guerra contra esta campaña. É oi caso da empresa galega de pesca artesanal Fresco y del Mar, que impulsa por 3º ano consecutivo a súa campaña anti-Black Friday, apoiada por outros negocios de Muros, onde se atopa a súa sede. A firma pechará a súa páxina web (frescoydelmar.com) este venres 25 de novembro, data clave das promocións ligadas ao Black Friday, a pesar de que a súa única liña de comercialización é a venda online.
Segundo lembran, a súa iniciativa anti-Black Friday calou tamén noutros negocios da vila de Muros, que tampouco realizarán descontos nestas datas. Entre eles, algúns dos establecementos onde Fresco y del Mar distribúe os seus peixes e mariscos, como o Hotel-Restaurante Muradana, o Asador Vila de Muros e o Bar de Tapas O Pouso. Tamén se suman á iniciativa outros negocios, como Peixes e Mariscos Área Maior, Pastelería Goya e Librería Gallardo. Por último, un ano máis, a Confraría de Muros volve apoiar esta causa. Do mesmo xeito que Fresco y del Mar, ningún destes negocios ofrecerá promocións durante o Black Friday.
“Durante todo o ano somos fieis á nosa filosofía, que defende a pesca galega artesanal, a prezos xustos e sustentábeis. Non podemos botar pola borda o traballo de todo o ano nunha xornada de consumismo barato”, explica Milucho Louro, portavoz de Fresco y del Mar.
Ademais, o 10% dos seus ingresos dos días previos ao Black Friday serán destinados a Cáritas Muros, unha iniciativa que xa realizaron en 2020 e 2021. “Aos clientes custaralles o mesmo e o 10% achegarémolo nós; é a nosa forma de colaborar cos veciños cando máis nos necesitan e de reivindicar así que non celebraremos o Black Friday”, engade Louro.
“Nós debémonos a aquelas persoas que si valoran unha pesca xusta, artesanal e sustentábel durante todo o ano, polo que sería contraditorio celebrar este día. O océano non está de rebaixas”, conclúe Louro.
A compañía, que só traballa con profesionais que practican o marisqueo e a pesca artesanal e respectuosa co medio mariño na Costa da Morte e a ría de Muros, é líder na venda online de peixe e marisco fresco galego en toda España.
En 2020, a compañía galega iniciou a súa primeira campaña anti-Black Friday. Este ano, do mesmo xeito que noutras edicións, Fresco y del Mar cerrará a súa páxina web o venres 25 de novembro, data clave das promocións ligadas ao Black-Friday.