A presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, desprazouse este luns ata o peirao do Freixo, no municipio de Outes, para supervisar o estado das instalacións portuarias e dar conta dos avances nas obras previstas para mellorar a seguridade viaria da contorna. Durante a visita, na que estivo acompañada polo alcalde da localidade, Francisco Calo, confirmou que a actuación xa se atopa en fase de licitación cun orzamento de 85.000 euros.

Os traballos, incluídos dentro dun contrato global de reposición de firmes en diversos peiraos galegos, centraranse na renovación do asfaltado na rúa do Porto —no tramo que discorre paralelo ás instalacións, desde a lonxa ata o antigo embarcadoiro—, así como na restauración do pavimento do viario situado xusto fronte á propia lonxa.
Segundo trasladou Botana ao rexedor outiense, a execución destas obras coordinarase directamente cos profesionais que traballan no peirao. O obxectivo é planificar o calendario de asfaltado de maneira que non se obstaculice a actividade diaria do sector do marisqueo.
A xornada de traballo serviu tamén para que a titular de Portos de Galicia e o alcalde avaliasen sobre o terreo o funcionamento do edificio de servizos náuticos. Ademais, ambos mandatarios aproveitaron o encontro para consensuar a planificación das vindeiras actuacións destinadas ao mantemento e conservación das infraestruturas portuarias do Freixo.




