- A actividade celebrarase o luns 7 de decembro no CEP Salustiano Rey Eiras e está dirixida á rapazada de entre 3 e 12 anos.
- O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro mércores 2 de decembro con prazas limitadas e bonificacións para familias con varios fillos.

O Concello da Pobra do Caramiñal, a través da Concellería de Igualdade, vén de abrir o prazo de inscrición para un novo obradoiro de conciliación que se desenvolverá o vindeiro luns 7 de decembro. A iniciativa está pensada para ofrecer unha alternativa ás familias durante esta xornada laboral non lectiva, facilitándolles a organización entre o traballo e os coidados.
A proposta está dirixida a nenas e nenos de educación infantil e primaria —con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos— e terá lugar nas instalacións do CEP Salustiano Rey Eiras. O horario xeral da actividade será de 9.00 a 14.00 horas, aínda que o servizo contará con opción de madrugadores e comedor para quen o precise, prolongándose neste último caso a atención ata as 16.30 horas. Durante a xornada, a rapazada participará en dinámicas centradas no xogo, a aprendizaxe e a convivencia.
Desde o departamento municipal de Igualdade subliñan a relevancia de manter este tipo de recursos públicos para apoiar ás familias e avanzar cara á corresponsabilidade nos coidados, ao tempo que se garante un espazo de lecer seguro para a infancia.
Inscricións e tarifas
O prezo da actividade estableceuse en 5 euros por participante. Co obxectivo de apoiar ás familias con máis dunha crianza, aplícase un desconto do 50 % para o segundo irmán ou irmá, mentres que a inscrición será totalmente gratuíta a partir do terceiro.
As persoas interesadas en solicitar unha das prazas limitadas teñen de prazo ata o mércores 2 de decembro. O trámite pode formalizarse de xeito telemático a través da sede electrónica municipal —presentando unha instancia xeral—, ou ben de forma presencial na oficina de rexistro do Concello ou nas dependencias do Servizo de Igualdade. Para resolver calquera dúbida, o departamento habilitou o teléfono 981 832 764 (extensión 6) e o enderezo electrónico igualdade@apobra.gal.





