O Concello de Boiro celebrou este xoves día 10 de novembro o pleno ordinario da Corporación local correspondente ao mes de novembro de 2022. A sesión pode verse íntegra, como de costume, na canle de YouTube do Concello de Boiro. Entre os acordos máis relevantes, figuran medidas para incrementar a loita contra as agresións machistas e visualizar e reivindicar o 25-N (Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller), a aprobación inicial do anteproxecto da ordenanza de emerxencia social municipal. Tamén foi aprobada, por unanimidade, a moción de urxencia do BNG con motivo do apoio das traballadoras do SAF. Nesta proposta reclamábase a renovación do convenio colectivo destas traballadoras, permitindo solucionar as condicións precarias nas que desenvolven o seu labor. En concreto, na moción do BNG de Boiro pedíase amosar o apoio do pleno da Corporación do Concello ás traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar na súa loita por conseguir un convenio colectivo digno.
As votacións da sesión plenaria foron as seguintes:
1. Aprobación, se procede, da Conta Xeral do exercicio 2021 – aprobación con 7 votos a favor (PSOE, Boiro Novo e non adscrito) e 9 abstencións (PP, BNG e IC Boiro).
2. Resolución de alegacións e aprobación definitiva, se procede, do crédito extraordinario 6/2022 – aprobación por unanimidade (16 votos a favor).
3. Resolución de alegacións e aprobación definitiva, se procede, do crédito extraordinario nº1182022 e modificación das bases de execución do orzamento nº3/2022 – aprobación con 14 votos a favor (PP, PSOE, Boiro Novo, IC Boiro e non adscrito) e 2 abstencións (BNG).
4. Aprobación inicial, se procede, do ditame do anteproxecto da ordenanza de emerxencia social municipal do Concello de Boiro – aprobado con 10 votos a favor (PSOE, BNG, Boiro Novo, IC Boiro e non adscrito) e 6 abstencións (PP).
5. Moción do grupo municipal do BNG en relación coa celebración o día 25 de novembro do día internacional da eliminación da violencia machista – aprobado con 10 votos a favor (PSOE, BNG, Boiro Novo, IC Boiro e non adscrito) e 6 abstencións (PP).
6. Moción do grupo municipal do PSdeG-PSOE con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller – aprobado por unanimidade (16 votos a favor).
7. Moción do grupo municipal do PSdeG-PSOE de instar á Xunta de Galicia para que cumpra o Pacto Local e incremente a contía do FCL (Fondo de Cooperación Local). Aprobado con 10 votos a favor (PSOE, BNG, Boiro Novo, IC Boiro e non adscrito) e 6 votos en contra (PP).
O BNG presentou unha moción de urxencia con motivo do apoio das traballadoras do SAF que foi aprobada por unanimidade (16 votos a favor).