“Os verdadeiros ecoloxistas somos nós” – Antón Luaces

Cando se barallan cifras de participación no acto celebrado en Ribeira para lle quentar as orellas ao impresentable eurocomisario de Pesca da UE, señor Sinkevicius, estas van dende as ducias (contabilizadas ao chou por un xornal galego) ás 1.000 referidas o sábado por O Barbanza, pasando polos 4.000 ou máis que cita o xornal Nós.

Para o presidente da Federación Galega de Confrarías e patrón maior do pósito de Ribeira, José Antonio Pérez, os participantes na concentración “foron moitos e representativos do sector”. Non faltaron os políticos. Tampouco os representantes sindicais. E menos, aínda, os cidadáns concienciados do dano que a Comisión Europea está a facer (e pensa seguir facendo) ao sector pesqueiro de España. Nomeadamente de Galicia, onde a pesca supón o 5% do Produto Interior Bruto (PIB), 9.000 millóns de euro en facturación, 850 millóns de euros en salarios e ingresos máis ou menos asegurados para 36.000 familias que dependen dela, da pesca, da cadea mar-industria “que están ao chou polas decisións que se toman en Bruxelas”, como apuntou na súa intervención na praza do concello ribeirense Ignacio Vázquez, presidente da Asociación de Arrastreiros de Ribeira.

Precisa de máis argumentos a Comisión Europea para rectificar a súa decisión de vetar o regulamento que prohibe o uso de artes de fondo en 87 zonas (45 delas nas que faenan acotío barcos galegos) consideradas grosso modo “sensibles” en base a unha apreciación que non avaliou -que se saiba- ningún comité ou entidade científica?. Necesita o Goberno español máis razóns para presentar decididamente o recurso xudicial que, cando menos, avance unha moratoria que permita aos barcos de bandeira española de artes de fondo seguir a pescar alí onde ata o de agora o fixeron nas augas atlánticas nororientais? Porque dicir que é o sector de pesca de fondo o que causa problemas é renunciar a solucionar os que existen. Son os propios científicos os que especifican que a UE ignorou as advertencias e limitacións do ICES. Onde está logo o valor científico da decisión tomada pola Comisión de Pesca?.

É moi expresiva a frase de Iván López, presidente de Agarba: “Somos traballadores, non somos depredadores”. Quen pode atentar contra os seus propios intereses?.

Este luns, as 12,00 horas, a portavoz nacional do BNG (segunda forza política no Parlamento galego), Ana Pontón, e o deputado no Congreso Néstor Rego, van reunirse en Santiago co sector pesqueiro para analizaren a situación creada após a entrada en vigor do veto imposto. Neste envontro participarán, a máis, parte do sector pesqueiro: ARVI, Federación Galega de Confrarías, ARPEGA, OPP 31 PescaGalicia, APROMAR, entre outros.

É necesario que, canto antes, se presente o anunciado recurso contra o veto e a aplicación da suspensión cautelar do regulamento tantas veces citado para que se paralice a aplicación do mesmo e deste xeito avanzar na vía da moratoria e gañar tempo, como formulou a conselleira do Mar, porque a medida xa entrou en vigor a pasada madrugada.

Perder esta baza significaría para Galicia perder un dos seus máis valiosos fundamentos.