Licitada a ampliación do Hospital Clínico Universitario de Santiago que levará aparellados 1.400 empregos e blindará a sanidade pública de 450.000 cidadáns

11 Outubro 2022

A Xunta licitou hoxe as obras de ampliación do Hospital Clínico Universitario de Santiago por un investimento de 72,8 millóns de euros que levará aparellados 1.400 empregos e blindará a sanidade pública de 450.000 cidadáns.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, xunto coa xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez, presentaron hoxe á comunidade sanitaria este proxecto.

Os Orzamentos da Xunta para o ano 2023 xa incorporarán unha anualidade de 8,6 millóns de euros, coincidindo cos prazos de execución deste proxecto.

O Goberno galego prevé comezar a principios da primavera de 2023 estas obras que contan cun prazo de execución de 42 meses. As empresas interesadas en levar a cabo a intervención teñen agora de prazo ata o vindeiro 15 de novembro para presentar as súas ofertas.

Ethel Vázquez explicou que esta actuación permitirá ampliar a superficie do actual hospital en case un 30%, de modo que se poida mellorar a atención aos pacientes.

Para iso, sinalou, vaise ampliar o edificio A -no que se atopa a área de hospitalización, os servizos centrais e as emerxencias-, na parte sur do edificio existente cara ao oeste; de forma mimética ao actual edificio hospitalario, para acadar maior integración arquitectónica e funcional, dispoñendo un núcleo de comunicación vertical con 8 ascensores. 

Detallou a ampliación tamén da superficie, no caso este edificio A, en preto de 29.000 metros cadrados, acometendo tamén a demolición de 2.000 metros para axustar e encaixar as novas instalacións. 

No edificio C -que alberga as consultas externas e as probas funcionais-, indicou que a intervención permitirá habilitar case 5.300 metros cadrados de nova superficie.

Neste caso a ampliación realizarase cara ao leste, con 5 plantas coincidentes coas actuais, comunicándose cos eixes de circulación xeral do edificio e cun núcleo de comunicacións situado en paralelo ás zonas de espera da fachada sur.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña junto con a xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez, presentan á comunidade sanitaria o proxecto da ampliación do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela (CHUS).

110 M€ de investimento ata o ano 2025

Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade detallou que a intervención fará posible contar con 5 novas unidades de hospitalización con 36 camas cada unha e unha nova unidade de hematoloxía de 28 camas, sumando 208 camas máis dispoñibles e permitindo que todas as habitacións sexan dobres ou individuais.

Apuntou que o aumento de superficie permitirá ampliar as urxencias pediátricas e reformar as de adultos, incorporar 7 novos quirófanos e terá incidencia directa noutras áreas como o laboratorio de microbioloxía, o hospital de día, a unidade de mama, área de endoscopias e consultas externas.

Fixo fincapé en que esta obra é a culminación da aposta que a Xunta está a facer para a mellora e modernización do Complexo Hospitalario e Universitario de Santiago, que se vén concretando, entre obras e equipamento, nun investimento de máis de 110 M€ só para este complexo dende o 2009 ata 2025.

Avanzou que no 2023 comezará tamén fronte ao CHUS a construción do centro galego de protonterapia para aplicar esta nova técnica a pacientes de toda Galicia

Recordou que a Xunta veu realizando nos últimos anos unha serie de melloras como a ampliación das urxencias en 800 m², cun investimento de 1,65 M€; a nova unidade de ictus, cun orzamento conxunto de 450.000 €; a reforma da UCI, con máis de 1,1 M€; ou a actual reforma da Farmacia, con preto de 4,5 M€.

Concretou que o Goberno galego tamén incorporou ao Complexo Hospitalario de Santiago só nos dous últimos anos unha serie de novos equipamentos por un valor superior aos 15 M€, que o sitúan como un dos hospitais máis punteiros a nivel do Estado.

Tamén citou novo equipamento adquirido por máis de 2,7 millóns de euros: 7 equipos radiocirúrxicos, 8 ecógrafos, 13 lámpadas cirúrxicas, 21 mesas de quirófano e 5 respiradores BIPAP para as áreas de Urxencias e UCI.

Ademais a Xunta está completando os procedementos de contratación para equipamento de alta tecnoloxía por valor de 7,7 M€, que permitirán que o CHUS renove unha resonancia magnética, 5 equipos TAC, un equipo de neurovascular intervencionista, de braquiterapia, de hemodinámica e dúas gammacámaras para o servizo de medicina nuclear.

Deste xeito, este novo equipamento súmase ao que xa se tiña incorporado nos anos anteriores por outros 15 millóns de euros, entre o que se atopa o equipo PET, ou os aceleradores lineais, incluíndo un intraoperatorio.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prácticas caciquís” – José Manuel Pena

“Prácticas caciquís” – José Manuel Pena

Nos últimos tempos, a dereita política española está a preocuparse máis en lanzar trolas e mentiras para tratar de despistar sobre os múltiples casos de corrupción que tiveron, con sentenza firme, e que aínda ten xudicializados. Desde que o sr. Feijóo chegou á capital...

“Votar e rebotar”. Xulio Xiz

“Votar e rebotar”. Xulio Xiz

Na Administración hai informes preceptivos, que compre solicitar para completar determinados procedementos. E estes poden ser vinculantes ou non, segundo haxa que facerlles caso, ou a resolución pode disentir deles. Desde o concello de Lugo chaman a votar sobre o nome...