O Barbanza– Antón Luaces.– A prohibición do uso de artes de fondo condiciona, sí ou sí, o desenvolvemento do sector pesqueiro, fundamental na Comunidade Autónoma de Galicia. De aquí que non sorprenda a ninguén que Ribeira sexa na tarde deste sábado (19,00 horas) lugar no que se concentren todos cantos se senten agraviados pola Comisión de Pesca da UE que, unilateralmente, decide castigar á frota de artes de fondo como se fose esta a única culpable de que as zonas “sensibles” do Atlántico noroeste estean nunha situación que non é a que a devandita Comisión arela para o presente e o futuro inmediato das pesqueiras comunitarias.
A medida afecta, como é sabido, a toda a costa oeste de Europa a distintas profundidades por mor dos tamén distintos cantís. Pero é Galicia o territorio máis afectado tanto no eido social coma no económico, aspectos estes que a Comisión de Pesca non tivo en conta para decidirse a aplicar o machado tallando a póla máis fermosa da árbore que máis froitos da ao noso país.
A Comisión que acubilla ao eurocomisario Sinkevicius -perdoe o lector a miña insistencia en culpar a este home do mal que se nos ven enriba- non quer, a máis, escoitar falar de moratorias, e armadores e patróns levan días estudando como rendabilizar as áreas de pesca que o regulamento de artes de fondo lles permite a partires deste domingo.
Será un partido de longa e dura desputa, cun árbitro (Sinkevicius) non sei se comprado ou vendido diante da fonda preocupación de todo un sector no que, dunha ou doutra maneira, haberá barcos sen actividade, amarrados nos portos (ou vendidos, ou despezados), con centos de homes desenrolados e na percura de traballo en buques doutras modalidades que non sexan as de fondo, concretamente as fixas, porque para estas non haberá caladoiros. So 41 áreas entre España e o Norte de Europa, poderán acubillar a unhas ducias da embarcacións que, desde o 9 de outubro pode dar grazas a san Sinkevicius por lles permitir faenar en determinados fondos mariños pero sen chegar precisamente ao fondo do mar debido ás contradicións ao Regulamento de execución que establece esas zonas de veda nas que incurrriu a Comisión Europea. Porque unha cousa é o texto e outra a que reflicte a cartografía batimétrica realizada sobre os fondos desas 87 áreas ou zonas mariñas das que a frota española faena en 35. E por máis que a Comisión de Pesca cale, o Goberno español disque mantén o recurso a interpor perante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea, demanda que aínda non se presentou e coa que España tentará acadar a anulación efectiva do citado regulamento.
A praza do concello de Ribeira vai ser escenario, ás sete da tarde deste sábado, dunha que se supón vai ser importante concentración de cidadáns que apostan pola continuidade da actividade pesqueira, cun non ben sonoro aos recurtes consentidos -cando non auspiciados- por unha comisión na que os países pesqueiros semellan estar de observadores.