O BNG acadou no Parlamento o compromiso da Xunta para incorporar as demandas e propostas realizadas polas comunidades de montes nas medidas que vai desenvolver para recuperar o monte queimado no Barbanza no gran incendio do verán, o que tivo a súa orixe en Cures (Boiro) e logo espallouse á Pobra e máis a Ribeira. De igual xeito, a Consellería do Medio Rural emitirá un informe completo e detallado con todas as actuacións desenvolvidas polo operativo de extinción de incendios durante o lume.

Así o confirmou o director xeral de Defensa do Monte a pregunta da deputada nacionalista Rosana Pérez na comisión parlamentaria de Agricultura, na que considerou precisas as explicacións da Xunta “nun informe completamente detallado sobre todas as actuacións desenvolvidas polo operativo”. Pérez recordou neste punto a denuncia ante a Fiscalía das comunidades de montes na que, segundo advertiu, “fálase mesmo de neglixencias no combate contra o lume neses días na Barbanza”.
Pérez recordou que as comunidades de montes sinalan que “non se acudiu con rapidez no inicio do incendio, que se fixeron cortalumes de xeito inadecuado e isto favoreceu que a superficie queimada fose aínda maior, que as brigadas chegaban aos lumes con motobombas baleiras de auga ou que non se regaran os puntos de lume que se consideraban apagados”. E engadiu: “As comunidades falan dunha actuación totalmente caótica nun incendio que acabou arrasando máis de 2.200 hectáreas, ameazou varios núcleos de vivendas e puxo mesmo en risco, pola gravidade da afectación do fume, o Hospital do Barbanza”.
A deputada do Bloque tamén falou de “numerosas declaracións de veciñas e veciños de Oleiros que viron ameazadas as súas casas” e tamén ás realizadas polos propietarios do Cámping Ría de Arosa que aseguraron en ámbolos dous casos que extinguiron o incendio “cos seus propios medios, non cos da consellería”. Pérez contrapuxo así a realidade retratada pola veciñanza e polas comunidades de montes coa “versión que dou a propia consellería nos medios de comunicación continuamente durante todos eses días”.