A Deputación e o Concello de Boiro invisten 110.000 euros na rehabilitación da capela do Pazo de Goiáns

14 Outubro 2022

A Deputación da Coruña anunciou este venres 14 de outubro que vai destinar 88.000 euros para financiar o proxecto de rehabilitación da capela do Pazo de Goiáns, emprazado na parroquia de Lampón do concello de Boiro. O obxectivo é “frear o actual deterioro que está a sufrir” a dita construción. O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, asinaron este venres o convenio polo que a Administración provincial aporta 87.905 euros, un 80% do orzamento total da actuación, que ascende a 110.133 euros.

“Trátase dunha axuda importante por parte da Deputación para continuar coa recuperación do Pazo, na que xa investimos 1 millón de euros. Quedan varias edificacións anexas por restaurar, entre elas esta capela do século XVII”, sinalou o alcalde José Ramón Romero, que explicou que os plans de Goberno municipal pasan por unha rehabilitación integral do complexo.

Pola súa banda, Formoso manifestou a satisfacción da Deputación de poder colaborar co Concello de Boiro na rehabilitación “dun espazo tan singular e representativo para Boiro como o Pazo de Goiáns, unha das xoias do patrimonio da localidade, situado nun entorno único que paga a pena recuperar”.

O Pazo de Goiáns, lembraron, é unha antiga fortaleza medieval situada ao pé do esteiro do río Coroño, de gran importancia non só pola súa relevancia arquitectónica, histórica e artística (é un exemplo moi notábel de arquitectura barroca) senón tamén polo valor medio ambiental da finca que o rodea, con múltiples especies diferentes de árbores, arbustos e flores.

Segundo explicou o alcalde, o Concello de Boiro, actual propietario do Pazo, encargou este proxecto para dar solución ao estado de ruína no que se atopa a día de hoxe a capela, que foi fundada no 1.630 por don Jorge Varela de Castro Sotomayor, quinto maiorazgo do Pazo de Goiáns. “Naquel momento, a súa tribuna comunicábase coa vivenda mediante unha escaleira exterior que daba a unha pequena terraza, desde a que se accedía a través dunha porta á sala do reloxo do pazo, co obxectivo de resgardar aos señores e á familia das inclemencias meteorolóxicas”, comentou, engadindo é probábel que sobre os alicerces da antiga capela se edificase a actual.

Agora, dixo, “a cuberta está caída e, nos muros, feitos de granito, non se aprecian gretas significativas aínda que o morteiro de cal que os reviste polo exterior está desprendido por moitas zonas, o que permite a entrada de humidades”. Amais, engadiu, “as fachadas están inzadas de liques, musgos ou enredadeiras, e as carpinterías exteriores de madeira están en moi mal estado, ao igual cas reixas das xanelas”. Polo que respecta ao interior, “existe un altar totalmente cuberto de musgo, e a soleira está chea de escombros da cuberta”, apuntou o rexedor, quen recoñeceu que se ben na entrada mantense a cuberta, esta está en mal estado de conservación.

Así, a intervención que se levará a cabo pretende: consolidar, sen alterar a súa estética, os restos que se conservan integramente ou que permiten unha clara identificación do seu estado orixinal; rehabilitar a cuberta, os muros e as carpinterías, mantendo a configuración interior da nave e do faiado. Ademais, instalarase unha nova iluminación e levarase a cabo a limpeza e tratamento interior dos muros.

Outros artigos

Dous prestixiosos espectáculos de danza chegan á Pobra polo Nadal

A Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal organiza dous espectáculos de danza na localidade con motivo do Nadal 2024. "As artes escénicas son a pedra angular da axenda cultural da Pobra do Caramiñal nestas datas tan significativas con tanta vitalidade no noso...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión