O PP de Ribeira presenta unha moción na que rexeita a resolución da CE sobre a prohibición da pesca de fondo en 87 áreas

20 Setembro 2022

María Sampedro Fernández, voceira do Grupo Municipal Popular de Ribeira, presentou unha moción de urxencia ao pleno ordinario da Corporación do 26 de setembro rexeitando a resolución da Comisión Europea sobre a prohibición da pesca de fondo en 87 áreas.

Na moción faise saber o seguinte: “Nunha xornada fúnebre para os nosos mariñeiros, a Comisión Europea materializou o pasado xoves 15 de setembro a súa intención de vedar a pesca de fondo nun total de 87 áreas situadas no Atlántico Nororiental amparándose no regulamento de acceso a augas profundas 2016/2336. Esta decisión supón na práctica que un milleiro de buques equipados con artes que entran en contacto co solo mariño (como redes de arrastre de fondo, dragas, redes de enmalle de fondo, palangres de fondo, nasas ou almadrabas) non poderán exercer o seu labor nunha superficie de 16.419 km2, correspondéndose en boa parte cos seus caladoiros tradicionais”.

E engádese: “Como principal porto de baixura de Europa, a Corporación Municipal de Ribeira non pode permanecer calada ante unha decisión da Comisión Europea que golpea a liña de flotación da nosa economía local. Entendemos e compartimos a necesidade de protexer o medio ambiente e os ecosistemas mariños, pero cremos que tal protección debe ser compatible co desenvolvemento da actividade extractiva observando criterios de sostibilidade que non impliquen a prohibición total”.

O PP de Ribeira sostén que a Secretaría Xeral de Pesca do Ministerio “debe tomar cartas no asunto como máximo responsable que é neste eido, tal e como a nivel galego xa anunciou a Consellaría que vai facer na lexitima defensa dos intereses do noso sector do mar. Os profesionais do sector pesqueiro levan tempo advertindo das gravísimas consecuencias que para a súa industria entrañará unha resolución adoptada sen o ditame do Consello Europeo e tomada sen elaborar os preceptivos informes de impacto socioeconómico: un impacto que, segundo as súas estimacións, pon en risco 10.000 postos de traballo, sobre todo en España e Irlanda”.

Por todo o exposto, o Partido Popular de Ribeira solicita:

1.- Expresar o firme rexeitamento da Corporación Municipal de Ribeira á decisión da Comisión Europea de prohibir a pesca de fondo en 87 áreas do Atlántico Nororiental.

2.- Manifestar o apoio da Corporación ao sector pesqueiro en xeral e a do Ribeira en particular.

3.- Solicitar á Secretaría Xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e á Consellería do Mar da Xunta de Galicia que fagan valer a defensa dos intereses do sector da pesca e recorran esta decisión no prazo de 20 días que prescribe a lexislación a partir da súa publicación no Diario Oficial da Unión Europea.

Outros artigos

Palmeira acolle este sábado o Campionato Galego Absoluto de Taekwondo

Este sábado 14 de decembro disputarase o Galego Absoluto no Pavillón Torres Colomer de Palmeira (Ribeira). Trátase dunha cita deportiva de primeira liña que recolle aos mellores taekwondistas da nosa comunidade e que, segundo avanza a organización, deparará aos...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El Fiscal y la corrupción”. José Castro López

“El Fiscal y la corrupción”. José Castro López

José Castro LópezLa semana pasada “enriquecí” mi carpeta de noticias raras y curiosas incorporando unanueva que, si me la cuentan y no la veo publicada en medios serios, no la hubieracreído: “El Fiscal General del Estado y el ministro presidente de la Comisión Federal...