A deputada do BNG no Parlamento galego, Rosana Pérez, xunto cos portavoces da formación nacionalista nos Concellos de Noia e Outes, Ricardo Suárez e María José Suárez, veñen de formular unha denuncia ante a Fiscalía de Patrimonio referente á actuación nas obras de ‘Restauración e posta en valor da Ponte Nafonso’, promovidas pola Consellería de Infraestruturas, dependente da Xunta de Galiza.
Os nacionalistas, que xa anunciaran a comezos de verán que se disporían a analizar a documentación aberta ao público para tomar as medidas legais pertinentes con respecto á actuación na ponte medieval que une os municipios de Outes e Noia, cumpren así o seu anuncio de presentar dilixencias diante da
Xustiza.
“O resultado das obras, como pode ollar calquera que se achegue ao monumento, deixa como resultado diversas deturpacións da ponte, resultado dunha actuación descoidada e improvisada, que non tratou a ponte tendo en conta o ben con protección integral do que se trata”, explicaron os nacionalistas.
Unha das principais cuestións que teñen xerado polémica nesta actuación, ademais da elevación da cota do firme con unha capa de formigón, foi a introdución duns novos peitorís de pedra froito dunha modificación do proxecto.
Para o BNG, que tiña solicitado que se considerase a reposición do peitoril orixinal de pedra “estes novos elementos, moitos máis anchos e altos que os orixinais, deixan enterrados os tallamares históricos, un dos principais elementos distintivos da ponte, facendo que esta perda a súa esencia”.
“A lei de Patrimonio cultural de Galiza deixa moi claro que sobre os bens con protección integral non se poden realizar actuacións que alteren os elementos constitutivos máis característicos e esenciais, unha cuestión coa que claramente non se cumpriu”, reitera a formación nacionalista.
A Consellería de Infraestruturas decidiu realizar unha modificación do proxecto, substituíndo as varandas de metal inicialmente propostas por uns peitorís de pedra dun volume e factura pouco acordes co resto dos elementos, que superan o nivel dos dos tallamares, logo de alegar que as canalizacións de
telecomunicacións non permitiran a cota do firme que inicialmente se propuña.
O BNG salienta que “optar pola opción máis sinxela para solucionar as complicacións na cota do solo levou a unha serie de solucións improvisadas que resultaron nunha alteración moi grave deste emblemático ben patrimonial”.
Alén das “malas decisións” derivadas da modificación do proxecto, os nacionalistas tamén denuncian o “desleixo” na execución da actuación, “sen ningún tipo de coidado”. Así, explican, “deixaron buratos feitos na pedra dos tallamares realizados sen ningún tipo de técnica construtiva, uns encintados sen delicadeza algunha que presentan un aspecto moi pobre en relación a importancia do ben, as colocacións dos novos peitorís non teñen ningún tipo de encaixe no seu encontro cos elementos primixenios, a nova iluminación está colocada dunha forma brusca converténdose en pegotes na pedra e mesmo os tallamares énchense de auga ao presentar unha altura diferente que, ademais ,complica a accesibilidade”.
O BNG denuncia ademais o incumprimento do reglamento do Parlamento de Galiza, xa que a deputada Rosana Pérez requiriu toda a documentación relativa ao proxecto e á súa execución, mais “obtivo a calada por resposta”.
Desta forma, sinalan, “aínda con este escurantismo, decidimos presentar a denuncia coa documentación de acceso público, esperamos que estas dilixencias sirvan para botar luz sobre a actuación e para que se dean explicacións e se asuman responsabilidades pola desfeita cometida”.
