Mellora de equipamento de tres clubs deportivos de Boiro e Ribeira

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá o club Taekwondo Suh Sport Competición de Boiro unha das entidades beneficiarias da orde de axudas para a adquisición de equipamentos deportivos destinados á clubs e federacións deportivas
A resolución beneficiará a tres clubes na comarca do Barbanza o de Taekwondo Suh Sport Competición de Boiro, para a adquisición dunha bicicleta e colchóns, o Natural Sport Videlgi de Ribeira para a renovar o tatami, os petos electrónicos e parte dunha furgoneta e para o club Kempo Barbanza de karate que empregará a axuda para mellorar o seu equipamento de adestramento.
No ámbito de toda Galicia as axudas chegan a 97 entidades, en concreto, 73 clubs cun investimento de case 500.000 euros e a 24 federacións con axudas de 210.000 euros.
Trenor lembrou que en breve se resolverá outra convocatoria que suma en Galicia outros 2 millóns de euros dirixida ao desenvolvemento de actividades deportivas por parte de clubs e núcleos de adestramento deportivos, e de sociedades anónimas e seccións deportivas que, como anunciou tamén hoxe o vicepresidente segundo, se resolverán en breve. Polo tanto, o investimento total do Goberno galego en apoio aos clubs galegos acada os 2,7 millóns de euros.
Ademais destas dúas liñas de axudas, a Administración autonómica mantén o seu compromiso co deporte co patrocinio de eventos, de equipos e de deportistas de alto nivel.

Achega de material
A orde de subvencións para equipamento deportivo da Xunta achega aos clubs e federacións material específico destinado á participación en competicións deportivas oficiais ou á realización de adestramentos, material non específico como transporte ou equipamento de ximnasio e material sanitario. 
No que se refire aos gastos subvencionables da outra orde para o desenvolvemento de actividades deportivas pendente de resolución hai dúas liñas de axudas, unha delas para os custos derivados da participación en competicións oficiais cun máximo de 10.000 euros por entidade. A outra liña, que é novidade neste ano, vai dirixida a sufragar os gastos correntes de núcleos de adestramento deportivo especializado, cunha contía máxima de 30.000 euros por beneficiario.
Entre os conceptos financiados inclúense, entre outros, licenzas e seguros; as inscricións en competicións e os seus gastos de transporte, manutención e aloxamento nestes eventos; arbitraxes; aluguer de instalacións; así como produtos sanitarios, gastos de ambulancias ou relacionados coa prevención e a seguridade.
Trenor puxo en valor a importancia que estas axudas teñen para manter o excelente nivel competitivo de moitos dos clubs galegos, apoiar o deporte base, incrementar as canteiras dos equipos e garantir a súa continuidade.

O delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, visitou unha das beneficiarias das
axudas para a adquisición de equipamentos, nas que a Xunta inviste nesta comarca
máis de 20.000 euros