Lousame acollerá unha das xornadas formativas da Deputación sobre o seu plan antifraude para xestionar os fondos Next Generation

28 Setembro 2022

A Deputación da Coruña, en colaboración co Consello de Contas de Galicia, organiza durante os meses de outubro e novembro catro xornadas formativas para dar a coñecer o Plan xeral de prevención de riscos e medidas antifraude (PREMADECOR), que ten o obxectivo principal de garantir unha adecuada xestión dos fondos europeos Next Generation.

A primeira data é o xoves 6 de outubro, na Casa da Cultura de Ortigueira para os concellos do territorio que abrangue o partido xudicial de Ferrol, continuará o mércores 26 de outubro na Casa da Cultura de Teixeiro (Curtis) para os municipios dos partidos xudiciais da Coruña e Betanzos, o martes 22 de novembro no Auditorio de Baio (Zas) para os concellos dos partidos xudiciais de Carballo e Corcubión, e rematará o martes 29 de novembro en Lousame para os concellos dos partidos xudiciais de Santiago e Noia.

O contido das sesións e o horario será sempre o mesmo nas catro xornadas, comezando ás 9:30 horas e rematando ás 19:30 horas. Haberá catro relatorios: ‘Fomento de marcos de integridade pública na xestión NGEU e o papel de colaboración do Consello de Contas coas entidades locais de Galicia’, impartido polo conselleiro do Consello de Contas de Galicia, Simón Rego Vilar; ‘Os procedementos de contratación para a xestión dos fondos NGEU: especialidades e cláusulas que se han introducir no prego de cláusulas administrativas particulares’, impartido polo xefe do Servizo de Patrimonio e Contratación da Deputación, Luís Jaime Rodríguez; ‘A canle de bo goberno e denuncias. Comentarios ao anteproxecto de Lei de protección das persoas que informen sobre infraccións normativas e de protección contra a corrupción’, co oficial maior da Deputación, Miguel Iglesias, como relator; e, por último, ‘O Plan PREMADECOR da Deputación da Coruña: medidas preventivas, de detección, correctivas e de persecución. A instrución dos procedementos de reintegro e sancionadores’, impartida polo interventor adxunto da institución provincial, Juan Bautista Suárez.

Estas xornadas están dirixidas a persoas que exerzan algún cargo representativo nas entidades locais da provincia, a persoal funcionario e laboral e tamén a persoas interesadas en xeral. Para anotarse é necesario enviar un correo electrónico a control.financieiro@dacoruna.gal aportando o nome, apelidos, DNI, cargo ou posto de traballo que ocupan e municipio de procedencia. Ao remate de cada sesión emitirase o certificado de asistencia e entregaranse os diplomas.

O Plan PREMADECOR

Coa aplicación do Plan PREMADECOR a Deputación comprométese a reforzar unhas prácticas en todos os seus estamentos que non deixen ningunha marxe de actuación a condutas irregulares, corruptas ou fraudulentas e que, en tal caso, estes se detecten e se recobren para o erario público os fondos mal aplicados no prazo máis breve posible.

A posta en funcionamento dos mecanismos antifraude teñen como finalidade principal a protección dos fondos europeos que se canalizan a través do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, que serán cruciais para o desenvolvemento de proxectos que melloren a vida dos cidadáns e os servizos dos que dispoñen nos diferentes territorios.

Por iso, o PREMADECOR xogará un papel fundamental para garantir que estes fondos Next Generation se usen de conformidade coas normas aplicables, en concreto no que se refire á prevención, detección e corrección da fraude e á corrupción e o conflito de intereses.

A eficacia e plena aplicación deste plan conseguirase coa creación do Comité antifraude da Deputación da Coruña (CADECOR), que terá a función de avaliar e mellorar de xeito continúo as medidas preventivas, detectar posibles incumprimentos e levar a cabo procedementos de natureza correctora.

Unha ferramenta posta a disposición dos concellos coruñeses

A Deputación, consciente de que este tipo de plans serán de obrigada e intensa aplicación no caso de recibir fondos europeos, pon o PREMADECOR a disposición de todos os concellos da provincia que desexen adherirse, establecendo distintos niveis de participación.

O primeiro nivel, que se oferta a todos os concellos da provincia sen excepción, só implica a adhesión ao plan pero, unha vez aprobado, será de exclusiva competencia municipal.

No segundo grao, que poderá acordarse cos concellos de ata 10.000 habitantes, ademais da adhesión poderase encomendar á administración provincial a xestión das funcións de avaliación de riscos.

Por último, no terceiro nivel, tamén ofertado aos concellos de ata 10.000 habitantes, ademais do acordo de adhesión poderase delegar a prol da Deputación as funcións de avaliación de riscos, a utilización da canle de bo goberno e denuncias, a análise e seguimento do plan e mesmo a tramitación e resolución dos expedientes.

Outros artigos

Mar remata as obras de construción do peirao interior de Muros

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investiu 460.000 euros na reconstrución dun tramo do peirao interior da dársena de Muros (A Coruña). A titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, visitou na mañá deste mércores 10 de xuño as obras que se...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...