Máis de 20.000 maiores xa recibiron atención gratuíta no programa de coidados Porta a Porta

25 Setembro 2022

Máis de 20.000 persoas pasaron xa polas unidades móbiles do programa Coidados porta a porta da Xunta de Galicia desde que no pasado mes de marzo comezaran o seu percorrido por todos os concellos galegos agás as sete cidades. A través desta iniciativa, achéganse aos maiores de 55 anos atención gratuíta en podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria.
Por provincias, a da Coruña é a que rexistra ata o momento un maior número de beneficiarios desta iniciativa con máis de 5600; a esta síguelle a de Pontevedra con preto de 5000; despois está a de Lugo con arredor de 4600 e, por último, a provincia de Ourense con case 4200 usuarios.
Por medio de oito autobuses, a Consellería de Política Social e Xuventude facilita coidados médicos e de saúde en xeral preto dos fogares das persoas maiores, evitándolles desprazamentos fóra da súa contorna e posibilitando que poidan seguir vivindo alí onde prefiran. Este programa desenvolveuse por primeira vez de maneira piloto en 2019, cunha moi boa acollida entre os concellos e a veciñanza, de aí que este ano se recuperase e ampliase a todos os municipios galegos.
Para ser atendido en calquera dos autobuses de Coidados porta a porta, que continuarán percorrendo o territorio galego, cómpre solicitar cita previa nos números de teléfono 622 748 283 ou 623 546 992, ou ben a través do seguinte enderezo electrónico: coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal
Atención no rural
Este programa enmárcase na aposta do Executivo autonómico por poñer a disposición dos veciños de máis idade que viven no rural todas as atencións que poidan necesitar. A este obxectivo responde o reforzo do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que garante uns coidados profesionais a uns 25.000 galegos nos seus propios domicilios; o impulso de Xantar na casa, que leva a comida a 1.800 fogares; ou as axudas para crear máis dun centenar de Casas do maior, pequenos centros para favorecer o envellecemento activo e saudable nos concellos de menos poboación.

Outros artigos

Palmeira acolle este sábado o Campionato Galego Absoluto de Taekwondo

Este sábado 14 de decembro disputarase o Galego Absoluto no Pavillón Torres Colomer de Palmeira (Ribeira). Trátase dunha cita deportiva de primeira liña que recolle aos mellores taekwondistas da nosa comunidade e que, segundo avanza a organización, deparará aos...

+

Dous prestixiosos espectáculos de danza chegan á Pobra polo Nadal

A Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal organiza dous espectáculos de danza na localidade con motivo do Nadal 2024. "As artes escénicas son a pedra angular da axenda cultural da Pobra do Caramiñal nestas datas tan significativas con tanta vitalidade no noso...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión