O Goberno inclúe O Barbanza entre as zonas afectadas gravemente por emerxencias de protección civil e aproba axudas directas

23 Agosto 2022

O Goberno vén de presentar os detalles das medidas que prepara para a recuperación ambiental e económica das contornas galegas que veñen de ser asoladas polos incendios, entre as que se atopan as afectadas polo pasado lume de Cures, en Boiro. Segundo fixo saber o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, o Executivo central activou “un amplo paquete de medidas que servirá para paliar de forma importante as perdas polos incendios máis grandes da historia da nosa comunidade”.

José Miñones puxo o foco, ademais, en que máis aló destas medidas, é necesario “seguir traballando na prevención para que esta situación non volva repetirse”. Ao seu xuízo, a prevención segue sendo a materia pendente da comunidade e fan falta novas iniciativas”.

O delegado aludiu á situación “excepcionalmente complicada” rexistrada nos montes este verán e puxo de manifesto a “áxil resposta” do Goberno para atallar o problema e salvagardar, en primeiro lugar, a vida das persoas. Para iso, a Unidade Militar de Emerxencias (UME) despregou todos os seus medios para actuar de maneira coordinada e eficaz contra os lumes na as comunidades autónomas.

Tamén recordou que o Consello de Ministros acordou este martes declarar zonas afectadas gravemente por emerxencias de protección civil (ZAEPC) as comunidades autónomas de Andalucía, Aragón, Illes Balears, Canarias, Castela e León, Castela-A Mancha, Cataluña, Valencia, Estremadura, Galicia, Madrid, Rexión de Murcia, Comunidade Foral de Navarra, País Vasco e A Rioxa, que desde o pasado 12 de xuño sufriron en total 119 incendios forestais.

En Galicia, o territorio incluído na declaración de ZAEPC é todo o afectado polos 20 grandes incendios declarados entre o 15 de xullo e o 10 de agosto que se enumeran a continuación. Trátase de 9 lumes en Ourense, 5 en Pontevedra, 3 na Coruña e 3 en Lugo que, en moitos casos, afectaron a varios concellos cada un.

Incendios forestais recollidos no Real Decreto

A Coruña

• 4/08 Boiro

• 5/08 Ames

• 9/08 As Pontes de García Rodríguez

Lugo

• 15/07 Folgoso do Courel

• 15/07 A Pobra de Brollón

• 17/07 Palas de Rei

Ourense

• 14/07 Carballeda de Valdeorras

• 16/07 Oímbra (Rabal)

• 16/07 Oímbra (Videferre)

• 27/07 Castrelo de Miño

• 3/08 Verín

• 9/08 Chandrexa de Queixa

• 10/08 O Irixo

• 10/08 Laza-Chandrexa de Queixa

• 10/08 Boborás

Pontevedra

• 30/07 Arbo

• 31/07 A Cañiza

• 3/08 Arbo – Barcela

• 4/08 Caldas de Reis

• 5/08 Ponte-Caldelas

En todos os casos, sinalou Miñones, “estes incendios alcanzaron tal gravidade que a comunidade se viu obrigada a activar os seus plans de protección nunha situación operativa de niveis 1 ou 2, tal e como establece o Plan Estatal Xeneral de Emerxencias (PLEGEM)”.

As medidas de recuperación previstas neste acordo, e cuxa execución corresponde ao Ministerio do Interior, son as seguintes:

• Axudas por falecemento ou por incapacidade absoluta e permanente, por valor de 18.000 euros.

• Axudas por destrución total da vivenda habitual ata unha contía máxima de 15.120 euros.

• Axudas por danos que afecten á estrutura da vivenda habitual, ata o 50 por cento da súa valoración técnica e cun límite de 10.320 euros.

• Axudas por danos que non afecten á estrutura da vivenda habitual, ata o 50 por cento da súa valoración técnica e cun límite de 5.160 euros.

• Axudas por destrución ou danos nos aveños domésticos de primeira necesidade da vivenda habitual, para a súa reposición ou reparación, cun límite de 2.580 euros.

• Axudas por danos en elementos comúns de uso xeral dunha comunidade de propietarios en réxime de propiedade horizontal, ata o 50 por cento da valoración técnica efectuada polo Consorcio de Compensación de Seguros e cun límite de 9.224 euros

• Axudas a persoas físicas ou xurídicas que realicen prestacións persoais e de bens: o importe total dos gastos.

• Axudas aos titulares de establecementos industriais, mercantís e de servizos, incluídos os agrarios, marítimo-pesqueiros e turísticos: ata 9.224 euros.

• O acordo tamén prevé a posibilidade de que se aprobe unha exención das taxas do Organismo Autónomo Xefatura Central de Tráfico para duplicados de permisos de circulación ou condución, así como baixas de vehículos sinistrados.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Si á prensa libre en España”. Antón Luaces

“Si á prensa libre en España”. Antón Luaces

O 8 de abril de 1966 entrou en vigor a Lei 14/1966, de 18 de marzo, de Prensa e Imprenta que o mundo do xornalismo da época coñeceu en España como "a Lei Fraga de liberdade de prensa". Non houbo tal: o 24 de setembro de 1973 -dous anos antes de que finara Francisco...