
En Galicia continúan as chamadas “colas da fame”. Máis de 600.000 persoas viven en situación de pobreza. Máis de 200.000 mozos emigraron, no últimos dez anos, fóra da Comunidade Autónoma en busca de traballo e non por gusto. A desigualdade social acrecéntase. Miles de familias non saben o que é tomarse unhas vacacións, principalmente as que perciben rendas sociais, o IMV ou de sectores económicos como a agricultura, gandería, pesca ou da conserveira.
Moitos traballadores continúan sendo vulnerables porque as súas retribucións apenas chegan ao salario mínimo, a pesar de ter cualificación profesional e prestar servizos a xornada completa.
Moitos empresarios opóñense ao incremento de salarios e a rebaixar os seus beneficios empresariais, en tempo de crise económica e social como a actual. Algúns abren as portas das opcións políticas, propondo a rebaixa de impostos. As mesmas receitas, os mesmos erros, a mesma miseria.
Os suicidios continúan producíndose e os desafiuzamentos tamén sen que preocupe demasiado aos gobernantes da Xunta de Galicia, aínda que teñan competencias en materia sanitaria e de vivenda.
A asistencia sanitaria pública cada vez atópase máis deteriorada e abandonada, por falta de medios materiais e humanos. Moitos sanitarios márchanse a outras comunidades ou países por ter unhas mellores condicións laborais e salariais.