Este 13 de agosto a vila de Porto do Son acolle a edición XXVIII da Festa do Polbo

O 13 de agosto Porto do Son vai acoller unha cita gastronómico-cultural de primeira liña a nivel comarcal e galego: a Festa do Polbo, edición XXVIII. Segundo anunciaron dende a organización, será unha convocatoria para facer historia, non só pola calidade do produto e polo completo do programa de actividades, senón polo contexto de recuperación tralas varias parénteses motivadas pola COVID. A festa, abeirada ao programa Infinitamente Natural do Concello de Porto do Son, comeza a primeira hora da mañá (ás 8.00 horas na explanada portuaria do Son, para iniciar o desprazamento en bus até Boiro) coa Ruta do Polbo, e proseguirá ao mediodía coa degustación colectiva (a cargo da Pulpería Veloso, con acompañamento de música tradicional) e rematará pola noite con O Son da Danza (Festival de Baile da Escola Municipal de Danza Anduriña).