A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, condenou a tres anos de cárcere e ao pago dunha multa de 5.603 euros a un home que foi interceptado no seu vehículo pola Garda Civil de Noia o 2 de setembro de 2019 no peirao de Ribeira cando tiña no seu poder dous envoltorios plásticos con cocaína –cun peso de 40,1 gramos– e heroína –19,32 gramos–.
Segundo consta na sentenza, o tribunal considera acreditado que as substancias estaban destinadas á venda a terceiros e que o seu valor de mercado ascendía a 5.630 euros.
Así mesmo, á hora de ditar a pena os maxistrados tiveron en conta a atenuante de drogadicción, xa que aseguran que o acusado é consumidor habitual de heroína, cocaína e alcol “desde hai anos”. “A dependencia a esas substancias limitaba as súas facultades volitivas”, sinalan na sentenza.
Nesta mesma liña, o tribunal destaca que a droga aprehendida “excede con fartura da provisión media dun consumidor durante cinco días”, así como que a capacidade económica do acusado “non xustifica a adquisición desa cantidade de droga para o seu consumo”.
Ademais, explican que, para xustificar a cantidade de substancia estupefaciente incautada, o condenado alegou que ía embarcar dous días despois durante varios meses e que a droga sería para “atender as súas necesidades durante ese tempo e evitar a síndrome de abstinencia”.
n a sentenza, contra a que cabe recurso de apelación, os xuíces engaden que tampouco consta que o condenado sufrise nalgunha ocasión unha síndrome de abstinencia.




