O Museo do Gravado de Artes (Ribeira) vai acoller este venres 8 de xullo a inauguración de dúas novas mostras. Concretamente a exposición José Fuentes 2006-2022, nas salas 0 e 1, e Antonio Navarro A textura do silencio (obra en papel), na sala 2.

José Fuentes
José Fuentes Esteve amosa no Museo do Gravado de Ribeira unha retrospectiva da súa obra gráfica que abrangue o período 2006-2022, e faino a través da exposición de vinte series, que se corresponden, máis ou menos, coa metade das que leva realizado dende 2002, algunhas xa presentes en catálogos como José Fuentes. 2002-2020 (Salamanca, 2020) ou Metaversos (Valladolid, 2022). Este xeito de traballar en series foi explicada polo propio artista como unha forma de desenvolver a súa obra a partir de tres premisas: unidade temática, unidade técnica e unidade temporal de execución, como as clásicas unidades aristotélicas.
Na obra gráfica de Fuentes Esteve non só están presentes a pericia e a innovación técnica permanente, senón tamén a unión entre o vencello persoal e biográfico das obras e o carácter máxico do resultado pola dobre transmutación da materia, matriz e papel, sempre na procura de novos medios gráficos, de novas linguaxes de creación, que amosan que nas artes non está todo xa realizado, que é posíbel anovar e que a imprevisibilidade segue a estar presente
Antonio Navarro
Respecto da proposta de Antonio Navarro, presenta no Museo do gravado unha escolma dos seus últimos traballos en obra gráfica baixo o título A textura do silencio, que aglutina algunhas das contribucións nas que estivo traballando nos últimos anos. Iniciando o percorrido en torno ao proxecto Coordenadas do silencio realizado no patio do Museo de Évora, Portugal, que deu pé a un cartafol de gravados realizados con fotopolímero, que recolle a esencia desta instalación que aínda pode ser visitada nese museo.
Entre algunhas das pezas no recorrido atópanse traballos creados en gravado ao carborundo, proceso no que o autor leva traballando desde 2003, e que lle proporcionou un dos premios no Museo del Grabado Español Contemporáneo de Marbella. Aparecen uns debuxos da serie MĀ- Desaparecer de mí no que investiga desde o grafito a pegada no debuxo, o velado pola superposición de capas de papel de
arroz e a singularidade do propio soporte.



