Este luns comeza a campaña extractiva do polbo en Galicia

03 Xullo 2022

Mañá luns a partir das 05.00 horas comeza en Galicia a campaña extractiva do polbo e prolongarase ata a data de inicio da veda do ano 2023 que se fixará a través do correspondente plan e se publicará antes do seu comezo. Así o especifica a resolución do plan experimental para a xestión desta especie durante a
campaña 2022/2023.
O plan acordado pola Consellería do Mar e o sector sobre a pesca do polbo permanecerá vixente ata que se publique o plan do ano que vén, que fixará a seguinte veda. Segundo establece este documento, a partir do 4 de xullo -data na que remata a veda- ata o 31 de agosto a cota máxima de captura desta especie é de 30 quilogramos por barco e día. A esta cantidade engádenselle 30 quilos ao día por cada tripulante enrolado a bordo ata un máximo de 210 quilogramos ao día. No resto da campaña a cota máxima será de 50 quilos por embarcación e día, cantidade á que se engaden 50 quilogramos diarios por cada tripulante enrolado a bordo ata un máximo de 350 quilos por día.
O horario de traballo das embarcacións con nasa para polbo iniciarase ás 06.00 horas -aínda que poden saír do porto ás 05.00 horas- e finalizará ás 16.00 horas. O número de nasas permitido queda establecido en función do tamaño da embarcación e do número de tripulantes enrolados a bordo.
En canto ao réxime de calamento das nasas, de cabo Silleiro a Corrubedo os aparellos terán que levantarse do seu calamento e levarse a porto todos os días coas seguintes excepcións: na zona de cabo Silleiro a Con da Aguieira aquelas que estean establecidas en fondos superiores aos 20 metros poderán permanecer no seu calado sen ser levadas a porto incluso durante o período de descanso semanal. O mesmo rexerá para a cara oeste da illa de Ons, desde O Con da Serriña ata o illote do Centulo, onde as nasas poderán permanecer no seu calamento sen seren levadas a porto e sen limitación de profundidade.
Na zona de Con da Aguieira a cabo Corrubedo ata o 1 de outubro terán que levantarse as nasas e levalas a porto todos os días. Desde esa data ata o inicio da veda do ano seguinte as nasas poderán permanecer caladas incluso durante o período de descanso semanal. No resto do litoral galego, as nasas poderán permanecer no seu calamento sen seren levadas a porto, incluso durante o período de descanso semanal.

Outros artigos

Barbanza Arousa recibe as primeiras adhesións ao SICTED

A Mancomunidade Barbanza Arousa, en consonancia coa súa estratexia de colaboración público-privada, continúa este ano coa implantación do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino, SICTED, entre os axentes turísticos do territorio. Nesta ocasión, a primeira...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Celebrando a  Rosalía de Castro”. Antía Pereira

“Celebrando a Rosalía de Castro”. Antía Pereira

“Celebrando a Rosalía e o seu día celebramos o que nos une, o que nos representa e o que nos move. Poucas figuras concitan ó seu redor a unanimidade que convoca Rosalía. E iso en boa medida porque ela soubo tocar as cordas, unha a unha, aínda que fose de distinto...